Inkee, unha proposta española para gardar os nosos recordos dixitais en papel
martes, 4 de febreiro do 2014
Nun momento no que as cámaras dixitais, os smartphones e os
tablets están a levar ás fotografías en papel ao esquecemento, o equipo de
Spartan Bits (creadores do popular Go!Chat for Facebook) quere que poidamos
conservar unha boa selección da nosa memoria dixital en soporte físico, dun
xeito moi persoal, polo que lanzan os álbums
Inkee, que veñen a ser como os tradicionais libros de recortes nos que
poderemos pegar as nosas fotografías preferidas, decoralos con adhesivos e
incluírlles anotacións a man, remitindo eles ao usuario todo o material
necesario nun completo paquete que pode adquirirse por a partir de 29 euros
(para un álbum de 12 páxinas).
Para crear o noso álbum temos que elixir unha temática (viaxes, parellas,
nenos, mascotas, vodas ou recordos varios), seleccionar as fotografías que
queiramos incluír no mesmo e facer o pedido vía web, tras o que recibiremos en
entre 5 e 7 días laborables un kit de
montaxe que inclúe cubertas personalizadas, argolas para montar o álbum, as
páxinas interiores de alta gramaxe, esquineiros
de papel kraft en forma de adhesivo,
as nosas fotografías impresas en papel de alta calidade, un grupo de adhesivos
con deseños exclusivos feitos por Inkee, un bolígrafo negro para escribir nas
páxinas do álbum e sobre para gardar o álbum.
Vídeo de presentación dos álbums Inkee