Innova Labs organiza un curso sobre WordPress
mércores, 9 de setembro do 2015
O grupo de “tolos pola tecnoloxía” de Innova Labs está a
organizar unha serie de cursos sobre temas como o Linux, Facebook ou a
elaboración de wikis, sendo a súa vindeira actividade un curso
sobre WordPress impartido por Iñaki
Quenerapu, quen o día 26 de setembro de 9:00 a 15:00 horas afondará no
xestor de contidos web máis empregado a nivel mundial. Este curso ten xa aberta
a súa inscrición, tendo esta actividade un custo de 75 euros.
Durante o curso explicarase como funciona o modelo cliente-servidor, o servidor
web, o xestor de contidos, a hospedaxe web... detallaranse as diferenzas entre
WordPress.com e WordPress.org, amosarase o proceso de instalación de WordPress
paso a paso e a súa configuración e ensinarase a manexar o seu panel de administración.
Tamén se abordarán os diferentes tipos de contido que poden crearse en
WordPress, o funcionamento da xestión de comentarios, a organización de menús,
categorías e etiquetas, a instalación de plugins, a xestión de usuarios e
idiomas e, para completar a actividade formativa, comentaranse factores de
grande importancia para calquera espazo na web hoxe en día, como a optimización
para buscadores e a integración de redes sociais. Non faltarán consellos e
ideas para publicar contidos de interese, ou a recomendación de ferramentas que
poidan facilitar o traballo.
- Iñaqui Quenerapu impartindo unha charla no CNTG