Innovación e Agasol, xuntas contra a crise
mércores, 8 de outubro do 2008
Para os usuarios e deseñadores de software libre, a informática aberta é unha boa opción tanto en tempos de bonanza como en tempos de crise. Porén, á luz dun intre concreto de recesión económica coma este no que vivimos, a cuestión do open source adquire unha dimensión nova, semellante ao interese que espertaría no deporte un xogador que salva unha tempada sen figurar previamente entre as estrelas mellor pagadas. Leas aparte, no convenio asinado este mércores 8 entre a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Agasol (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) hai moito de procura de solucións para a caída nos ingresos dunha parte das empresas galegas, e pola vía de recursos que non escintilan entre grandes investimentos corporativos.
Ou sexa, polo vía das ferramentas de software libre para a xestión e a produción.
Así o fixeron saber as partes asinantes, nun encontro celebrado na sede que a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia ten en Compostela.
Máis polo miúdo, a natureza do acordo é a seguinte: realizar de maneira conxunta actuacións que contribúan ao deseño e difusión das ferramentas abertas entre o tecido empresarial galego. Neste senso, e para ir collendo corpo, a iniciativa (que conta co centro Mancomún en labores de promoción e mediación) ten prevista unha serie de encontros polas principais cidades galegas cos responsables das nosas empresas, co fin de darlles a coñecer as moitas vantaxes dun tipo de software, feito e implantado en boa medida dende a nosa terra, que reduce con moito os gastos de calquera firma en materia de adaptación aos tempos dixitais. O convenio, que inclúe unha partida orzamentaria de 20.000 euros, comezará a dar os seus froitos a partir da segunda semana de outubro, cunha primeira xuntanza de tipo corporativo a celebrar na Coruña.
O que achega cada parte
Segundo se recolle nas bases do pacto, Agasol concorrerá na iniciativa achegándolles ás empresas información de primeira man sobre os beneficios xerais e específicos do open source. A idea é comezar o labor de promoción organizando presentacións e actos de distribución de material informático e divulgativo, dando conta en todo intre de casos concretos de éxito no que se refire á integración de software libre no tecido económico galego. Para Javier Vázquez, presidente de Agasol, as vantaxes deste tipo de programas, tanto para estes tempos como para os de maior riqueza, son evidentes: “A programación aberta permite facer máis con menos”.
Ao seu xuízo, son máis eficaces e permiten maior marxe de rendibilidade e adaptación, aparte de que precisan menores investimentos, sobre todo no eido do pago de licenzas. Por certo que a tarefa de Agasol, amais de introducir ás empresas nos segredos do software libre, tamén vai consistir en favorecer a súa implantación e en achegar asesoramento.
A Dirección Xeral, que asume este novo paso como un afianzamento da súa aposta polo software libre e o desenvolvemento do PEGSI (Plano Estratéxico Galego na Sociedade da Información), colaborará en materia de difusión e apoio, mantendo abertas as canles cos grupos de usuarios e desenvolvedores de software libre (GGUL), entendéndose esta acción en concreto con Agasol como un complemento á colaboración xeral cos GGULs.
Por certo que o acto de sinatura celebrado en Santiago tamén contou coa presenza do coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M. Benítez Baleado, e máis do xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Lois Villasante. Este acordo, sinalaron os presentes, é un paso complementario ao encontro celebrado o 19 de setembro, data na que se asinou o convenio de colaboración cos ditos GGUL, e en virtude do cal once asociacións se beneficiarán dunha achega de 5.000 euros –respectivamente- para a promoción da informática aberta. “Deste xeito”, informou a directora xeral, “son xa 75.000 euros a cantidade que a Consellería de Innovación a través deste departamento destinará á divulgación das tecnoloxías e os estándares abertos en Galiza”.
Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol)
Agasol é unha iniciativa Agasol de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores ante a Administración galega para apoiala e asesorala nos procesos de migración e implantación de programas abertos, ao tempo que tenta promover un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos. Actualmente agrúpanse baixo este colectivo un total de 27 empresas galegas.
A asociación xorde en setembro do ano 2007, nun momento de efervescencia no que moitas empresas galegas de pequeno e mediano tamaño comezan a traballar con software libre. O seu propósito é contribuír ao seu medre e consolidación nun ámbito no que a Xunta de Galicia asume que é “irrenunciable a adopción por parte das administracións públicas de sistemas informáticos baseados en estándares abertos”.
