Innovación e a Universidade da Coruña habilitarán unha incubadora de empresas tecnolóxicas no Campus de Elviña

mércores, 18 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

A Coruña contará en breve con máis espazo e oportunidades para levar adiante proxectos empresariais relacionados coas novas tecnoloxías. Así o fixeron saber este xoves 18 de outubro a Consellería de Innovación e a Universidade da Coruña (UDC), trala sinatura dun acordo no que ámbalas partes se comprometeron a promover un viveiro de empresas TIC no Parque Tecnolóxico da Universidade da Coruña.
Serán en total sete parcelas (adquiridas por Innovación) no Campus de Elviña, nas que se pretende dar acubillo a novas actividades achegándolles espazos nos que situarse durante un período concreto, ata que –por así dicilo– poidan manexarse sen axuda algunha. Mais o acordo non fica aí.
Unha importante parte do mesmo fai referencia a proxectos conxuntos de software libre, que tanto a UDC como Innovación consideran primordiais para o desenvolvemento do devandito sector TIC en Galiza e mesmo da Sociedade da Información. Así, no convenio especifícase (entre outras cousas) que se destinarán 180.000 euros en dúas anualidades para a execución de actividades que lle dean un novo pulo ó emprego dos programas de código aberto na nosa terra.
Como complemento ás medidas a prol do software libre porase en marcha unha páxina web integrada en mancomun.org que sexa como un obradoiro, punto de encontro e fonte de información de todo o que atinxe ós froitos deste convenio.
Máis polo miúdo, incluirá “un sistema de control de versións e revisións, listaxes de correo para os usuarios e desenvolvedores, publicación de novas globais para cada proxecto, foros de discusión abertos, motor de busca e mapas de proxectos, xestión de tarefas e enquisas e estatísticas sobre a actividade dos proxectos e do conxunto da forxa, entre outras”. Ademais, ámbalas dúas partes colaborarán dinamizando e coordinando diversas iniciativas de localización ou desenvolvemento de software en galego.