Instagram xera códigos QR para facilitar o acceso ás súas contas de usuario
mércores, 19 de agosto do 2020
A comezos do verán WhatsApp incorporou a posibilidade de intercambiar
contactos mediante códigos QR, o que despois trasladaron
a WhatsApp Business, para facilitar iniciar conversas con negocios a través
do escaneo dun código QR, atendendo así á grande tendencia promovida
polas medidas de seguridade para evitar a COVID-19 (o uso de código QR para evitar
o uso de elementos comúns como folletos e cartas dos restaurantes).
En vista da unificación que está a practicar Facebook coas súas aplicacións non
sorprende entón que agora dende o noso perfil de Instagram no móbil podamos
xerar un código QR que pode escanearse dende outro smartphone para acceder axilmente
á nosa conta sen as dificultades que hai nalgunhas ocasións para intercambiar
nomes de usuarios (por mor do uso de guións baixos, números e contraccións
complicadas de transmitir verbalmente).
Temos así unha interesante ferramenta para compartir a nosa conta por parte de
particulares, pero que no caso dos negocios tamén ten o seu aquel, xa que estes
códigos QR poden imprimirse para, por exemplo, colocalos na porta dos
establecementos, e facilitar así o acceso á súa conta de Instagram para ver os
seus contidos, seguila ou mesmo mercar os seus produtos (sen conta con funcións
de venda a través de Instagram).
Instagram
xa contaba con tarxetas de identificación para o intercambio de contactos a
través da propia aplicación, pero esta funcionalidade evolucionaría nos códigos
QR, de xeito que melloran a súa utilidade ao abrirse a todo tipo de sistemas de
recoñecemento de códigos QR (ou sexa, que en moitos casos chega con enfocar o
código coa propia cámara do móbil para que se recoñeza o código).