Internet.org ábrese aos desenvolvedores
luns, 4 de maio do 2015
O
proxecto de Internet.org, promovido por Facebook xunto a outras empresas
tecnolóxicas, continúa a avanzar, e hoxe
presenta a Internet.org Platform, un programa de desenvolvemento aberto
para crear servizos que se integren en Internet.org, á vez que tamén
incrementan o número de servizos básicos que poden empregarse para favorecer a
conectividade en países en vías de desenvolvemento.
A través de Internet.org ofrécese a moitos usuarios o acceso de balde a unha
serie de servizos de balde, o que conseguen a través de acordos con operadores
de telefonía móbil, que facilitan estas comunicacións como un xeito de
introducir aos usuarios ao valor da Internet, o que podería das os seus froitos
no futuro (convertendo usuarios de balde en usuarios de pagamento). Os espazos
web dentro de Internet.org deben ser moi sinxelos e consumir poucos datos,
facilitando así que os operadores poidan ofrecer un acceso de balde aos mesmos
de xeito sustentable, de xeito que nin os desenvolvedores pagarán por estar
incluídos no programa nin os operadores cobrarán aos desenvolvedores polo
tráfico que xeren os seus usuarios. Unha interesante proposta chamada a facer
medrar esta iniciativa.
Temos así que a Internet.org Platform
esforzarase en amosar o valor da Internet para conseguir animar aos usuarios
para acceder á Internet xeral (e non só aos servizos de balde ofrecidos a
través de Internet.org); esforzarase en que as súas aplicacións sexan
eficientes no consumo de datos (de xeito que non será posible incluír servizos
cun amplo volume de fotografías, con imaxes en alta resolución, que transfiran
ficheiros, que empreguen vídeo ou que fagan uso da voz sobre IP); e as páxinas
web deberán estar optimizadas para poder estar accesibles tanto en smartphones
coma en teléfonos básicos (non poderían requirir JavaScript ou SSL/TLS/HTTPS
para funcionar).