Internet supera por primeira vez ós xornais como fonte de información

martes, 10 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

Internet ábrese camiño nos ollos da xente. A vida informada xa non se entende sen a Rede, e cada vez danse máis casos de directores e presidentes de xornais en papel que pensan con saudade nos días de gloria da prensa escrita. Eses días, se temos en conta o que di o Jupiter Research (gabinete de investigación), xa pasaron definitivamente.
Por unha banda, temos á televisión, que segue a ser a canle de comunicación preferida polos europeos, pero logo vén camiñando con paso rápido Internet, que por primeira vez adiantou ós xornais e ás revistas en papel como principal subministrador de información en Europa.
No estudo, que foi publicado precisamente nun deses medios que leva as de perder, o británico Financial Times, sitúase en catro horas á semana a media de tempo que os europeos pasan perante Internet, dedicando só tres horas ós xornais e revistas, cando en 2003 a Rede só lles “roubaba” dúas horas do seu tempo.
A pregunta que nos podemos facer é: por que estamos a deixar de lado as plataformas habituais de comunicación? A resposta pode radicar en parte nas meirandes posibilidades de interacción, participación colectiva e liberdade á hora de expresarse. A fin de contas, en Internet podemos contarlle ó mundo o que doutro xeito nunca lle poderíamos dicir.

PUBLICIDADE