Investigadores do CITIC da UDC crean un proxecto piloto do uso da IA como apoio á docencia
martes, 4 de xuño do 2024
O uso da Intelixencia Artificial (IA) como ferramenta de apoio na docencia é o eixo sobre o que xira o proxecto ProgTutor do Ministerio de Educación protagonizado polos investigadores do CITIC da UDC, Francisco Belas e Óscar Fontenla, xunto cun equipo de 8 investigadores máis, os cales estiveron impartindo clases semanalmente no instituto Sofía Casanova de Ferrol. O dito proxecto, ten como obxectivo desenvolver un Sistema de Titorización Intelixente (ITS) que achega aos estudantes un ensino personalizado da programación en linguaxe Python a través de simulacións robóticas.
O ITS estívose probando con máis de 40 estudantes de primeiro de Bacharelato durante o curso 2023/24, acadándose grandes avances e melloras na súa funcionalidade. ProgTutor salienta polas súas contribucións en dúas áreas principais: na aprendizaxe automática (inclúe novas métricas de interacción do estudante coa contorna de programación e o simulador robótico, métodos innovadores para avaliar o código en comparación con solucións correctas e un procedemento completo para personalizar tarefas de programación) e a interface de usuario/a (introduce métodos de retroalimentación baseados en visualizacións e experiencias personalizadas, inspirados nos videoxogos e a realidade virtual).
O proxecto axústase aos obxectivos do Plan de Acción de Educación Dixital da Unión Europea
2021-2027, con achegas significativas en varios aspectos. Como ferramenta didáctica, facilitará a formación en programación e pensamento computacional e achegará un apoio aos profesores mediante o seguimento e guía personalizada dos estudantes. O seu deseño para a aprendizaxe mixta permitirá tanto clases simultáneas como todo o contrario, adaptándose a diversas modalidades de ensino. Asemade, potenciará as competencias dixitais proporcionando unha aprendizaxe personalizada axustábel a diferentes niveis educativos.
Engadir que este proxecto promoverá a formación práctica en programación mediante a resolución de retos de robótica nunha contorna de simulación.
Por último, dicir que ProgTutor será un prototipo software totalmente funcional, que se poderá aplicar en calquera formación básica sobre programación en Python. Para isto, foi desenvolvido a partir do simulador aberto do robot Robobo, chamadoRoboboSim e desenvolvido en MINT SL, unha spin-off da UDC, que é sobre a cal o estudantado realizará os seus programas. A contorna de programación elixida para a formación foi Python, dado o seu uso tan estendido e a súa relevancia no mercado laboral, ademais de ser compatíbel co robot Robobo. O proxecto busca avanzar cara a un uso ético, responsábel e positivo da IA no ensino, respectando en todo intre ao docente como eixo do proceso educativo, e apoiando o seu traballo.