José García Montalvo falará na Coruña sobre a Intelixencia Artificial e o seu poder para combater as fake news

luns, 3 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

José García Montalvo, catedrático de Economía Aplicada e doutor pola Universidade de Harvard, amais de conselleiro de Abanca, abrirá o primeiro Foro IESIDE de Sociedade e Economía este martes 4 de febreiro. García Montalvo, condecorado en 2029 co Premio Rei Jaume I de Economía, falará na sede de Afundación da Coruña dos principais retos aos que se enfrontan as empresas e os emprendedores en materia de coñecemento dixital, agora que este se duplica cada pouco e agora que as canles de información chegan a practicamente todos os recantos do mundo.
O seu relatorio desenvolverase a partir das 19.30 horas baixo o seguinte epígrafe: Big Data e economía: promesas, perigos, decepcións e fake news. A entrada é libre e de balde, até completar capacidade (previa inscrición). A conferencia, que se vai poder seguir en streaming, dará paso a un coloquio moderado por Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia.
O conferenciante, amais do Big Data e das súas vantaxes e inconvenientes, avaliará o papel que a Intelixencia Artificial pode chegar contra as novas falsas nas redes e a polarización polo uso das redes sociais. Tamén porá o foco na relevancia dos sistemas intelixentes e da información a gran escala como “instrumentos ao servizo da creatividade humana”.
A seguinte cita será o 5 de marzo co director xeral de Funcas, Carlos Ocaña, economista e doutor pola Universidade de Northwestern, quen abordará a Conxuntura e perspectivas a curto e medio prazo da economía española no contexto da economía europea. O foro continuará no mes de abril con Pedro Antonio Merino García, director de estudos de Repsol YPF, quen impartirá a conferencia Escenarios enerxéticos: diferenza entre o crecemento tendencial e os compromisos de París. Será o xoves 30 ás 19.30 h na Sede Afundación de Vigo. O ciclo continuará o 21 de maio coa conferencia Galicia ante unha Europa policéntrica: análise da súa accesibilidade e competitividade, impartida polo catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe.

PUBLICIDADE