Lalín achega ás súas PEME ás ferramentas libres de cálculo e simulación

xoves, 3 de novembro do 2016 Redacción

Exterior da casa do concello de Lalín

O Concello de Lalín vén de presentar dous cursos sobre as ferramentas abertas Code_Aster e OpenFoam. Segundo fai saber o Goberno local, o obxectivo da formación dupla nestas aplicacións de software libre libre é “capacitar tecnoloxicamente ao persoal das empresas do concello permitíndolles realizar operacións de gran utilidade para o seu día a día, como simulacións, cálculo de estruturas ou dinámica de fluídos, entre outras operacións”. A achega formativa foi dada a coñecer os días pasados polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, e por Raúl Trabazo (Tralos Engineering Service), que será o responsable de impartir a formación na antiga sede da UNED. Cada curso ten vinte horas de duración.
Segundo fixeron saber, con estas actividades fornéceselles ás empresas locais unha oportunidade económica e accesible de acceder á simulación e ás ferramentas virtuais empresariais (cómpre lembrar que as devanditas ferramentas son ferramentas libres), xa que se optasen pola vía de adquirir software comercial o desembolso podería chegar a roldar os 30.000 euros. Nun plano máis detallado, coas aplicacións Code-Aster e OpenFoam as PEME de Lalín poderán facer prototipos virtuais dos seus produtos e compoñentes e saber cales son as condicións óptimas de deseño “sen ter que gastar cartos noutros prototipos, e cun custe cero en licencias de software”.
Os cursos impartiranse dende o 14 ao 26 de novembro (Code_Aster) e do 28 de novembro ao 11 de decembro (OpenFoam), no edificio de servizos múltiples sito no Polígono Lalín 2000 (antiga aula da UNED). Máis información está dispoñible no documento PDF específico do Concello.