Lanzan por sorpresa unha nova versión de Winamp

venres, 29 de xullo do 2022 Marcus Fernández

O que fora o reprodutor musical por excelencia en escritorios informáticos, Winamp, quedara conxelado en 2007, para recuperarse cunha beta do Winamp 5.8 que adaptaba a vella aplicación a Windows 8.1 e Windows 10, prometendo que no futuro teríamos novas versións de Winamp e, mentres agardamos polo esperado Winamp 6 sorpréndennos con Winamp 5.9 nunha primeira versión candidata, que basicamente vén a ser unha mellora da aplicación para adaptala a Windows 11.
Esta versión do reprodutor musical mellora a reprodución de audio en streaming, incorpora un directorio de podcasts, engade compatibilidade co codec VP8 e formatos comprimidos para secuenciador (.itz, .mdz, .s3z e .xmz) e engade un novo aspecto predeterminado, Bento, en dous tamaños diferentes, aínda que mantendo a compatibilidade cos aspectos clásicos.
O Winamp 5.9 funciona como mínimo en Windows 7 SP1, e para moitos supón unha grande nova, xa que ter unha versión actualizada desta aplicación clásica dá certas garantías de uso e pode animar a moitos a darlle unha nova oportunidade a unha aplicación que resulta moi práctica.

Winamp 5.9 RC1 coa skin Big Bento

PUBLICIDADE