LibreCon2014 quere converter Bilbao no meirande escaparate de casos de éxito de software libre
martes, 5 de agosto do 2014
Andabamos por semellantes datas do ano 2012
anunciando
a Libre Software World Conference de Santiago de Compostela, sen
dúbida un dos grandes eventos dese ano o en materia non só de
programación aberta, senón de novas tecnoloxías en xeral; e agora
volvemos a retomar o fío deste congreso para dar conta da súa nova
entrega, a cuarta, que se vai celebrar os días 11 e 12 de novembro
na cidade de Bilbo (Bilbao en castelán) estreando nome (LibreCon
2014, Bussiness and Open Technologies Conference) e, como era de
agardar, o importante ingrediente éuscaro que lle dan o
emprazamento, o contexto, os participantes e os organizadores. Estes
últimos son ASOLIF
e ESLE, asociacións
de empresas de software libre estatal e de Euskadi, respectivamente.
Lembrar que
a edición galega do congreso veu da man da asociación galega
AGASOL.
Segundo informa Mancomún, a convocatoria 2014 vén
acompañada dun “ambicioso obxectivo”. Este é: converterse
no maior e mellor evento de Europa en materia de casos de éxito
botando man de tecnoloxías libres. En definitiva, o que se busca
é acadar a conferencia sobre programación aberta de natureza máis
práctica nunca acadada antes. En última instancia, preténdese que
o congreso “contribúa a dinamizar o sector das tecnoloxías libres
en continuo crecemento, a través da xeración de negocio en todos os
sectores”. E, tamén, a través de amosar en detalle o que poden
facer estes ferramentas no desenvolvemento e no éxito de proxectos e
iniciativas empresariais. Haberá como de costume relatorios e
obradoiros, amais de demostracións e actividades paralelas, pero o
nexo común de todas estas accións, alén do propio software libre
(base do congreso e das súas partes), será a vontade de ir ao gran
e visualizar claramente o potencial específico do software libre.
ata o día 15 de setembro é posible remitir
propostas para participar na conferencia, que serán logo avaliadas
pola organización para conformar o programa do evento, que estará
estruturado en dúas grandes áreas: conferencias e obradoiros e
demos técnicas. A LibreCon2014, engade Mancomún reflectindo
información achegada polos organizadores (dossier
en pdf), terá tamén un espazo de exposición concibido como
espazo innovador e aberto, “un espazo incomparable para a xeración
de coñecemento e oportunidades de negocio”.
