Librebit achegou un sistema libre de rexistro e seguimento para oito estacións de Aena

luns, 8 de agosto do 2016 Redacción

A empresa galega Librebit vén de desenvolver para Aena un sistema baseado en estándares abertos para obter unha solución uniforme de rexistro e seguimento de alimentación nas oito estacións de radar do sector noroeste de España. Máis polo miúdo, a ferramenta foi deseñada co fin de dar cobertura tecnolóxica a Enaire (xestor de navegación aérea de Aena), cuxas estacións permiten o control do tráfico aéreo e fornecen a seguridade precisa no achegamento das aeronaves aos aeroportos.
En parte, o reto de Librebit consistiu en simplificar e emendar a complexa contorna tecnolóxica das ditas infraestruturas, con diferentes automatismos e protocolos de varios fabricantes, “así como arranxar o baleiro de documentación técnica nestes dispositivos”. Todo isto, engade Librebit, provocou que a fase de análise do proxecto se estendese no tempo máis do previsto.
A maiores, cómpre sumar outro factor: as ditas estacións dispuñan só dunha intranet restrinxida con acceso á torre de control do aeroporto de Santiago, “o que implicaba a ausencia de Internet”. Isto supuxo un incremento non previsto dos custos, dado que “obrigou a facer desprazamentos in situ ás devanditas localizacións para poder ofrecer o soporte oportuno”, engaden fontes de Librebit.
Respecto do tecido software, a empresa galega informa que “o sistema operativo empregado foi Debian e desenvolveuse un servizo en Python que recollese a información da rede Modbus TCP e SNMP que logo fose almacenada en base de datos MySQL/MariaDB”. Para a parte de visualización e acceso á base de datos empregáronse tecnoloxías como Symfony e Doctrine ORM.
Tendo en conta que Librebit é un puntal do noso tecido empresarial open source, no proxecto empregáronse tecnoloxías libres para facer “un desenvolvemento a medida e con iso poder facer unha máxima adaptación ás especificacións do cliente cun orzamento moi axustado e que ningunha tecnoloxía privativa de ningún fabricante podía igualar”. Os responsábeis do desenvolvemento tamén salientan que “todo o proxecto foi posíbel grazas ao emprego de programas abertos e a participación de AGASOL, a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, que foi o principal interlocutor co cliente final.

PUBLICIDADE