Librecon abre prazo para a presentación de propostas e anuncia que contará coa presenza de Canonical

mércores, 22 de xullo do 2015 Redacción

Os organizadores da conferencia Librecon 2015, un dos grandes eventos open source da tempada, a nivel galego, estatal e internacional, veñen de informar de que xa está aberto o prazo para presentarmos as nosas propostas de participación. Librecon 2015, que se celebra en Santiago os días 29 e 30 de outubro, vén da man da Asociación Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), a Federación Nacional de Empresas de Software Libre (ASOLIF) e o Clúster TIC Galicia. Segundo informa o Clúster, a conferencia ten por obxectivo fundamental dar novos folgos ao negocio e ao emprego en todos os sectores da sociedade botando man dunha fórmula con grandes beneficios e vantaxes para o conxunto da sociedade: a fórmula do software libre. Esta edición xirará arredor das seguintes temáticas: a electrónica de consumo, o motor (sistemas de lecer, automóbil conectado), a Internet das Cousas, o software libre na docencia e o comercio electrónico.
A organización tamén avanza que as xornadas contarán “con relatores de relevancia internacional que exporán a súa visión sobre o uso e o desenvolvemento de tecnoloxías abertas”. É o caso de Canonical, apuntan, que xa ten confirmada a súa participación. Como lembraremos, Canonical é sen dúbida unha das grandes empresas mundiais do ámbito da programación aberta, centrada en achegar produtos altamente competitivos e de gran proxección futura, por exemplo o sistema operativo Ubuntu ou os proxectos TheOpenCD (unha colección de programas libres para Windows) e Bazaar (un sistema de control de versións desenvolvido en Python).
O programa de Librecon abranguerá conferencias, mesas redondas e presentacións de iniciativasd que irán artellándose en itinerarios centrados na difusión de coñecemento práctico aplicado de solucións abertas, a través de casos de éxito reais no ámbito público e privado en cada un dos eixos temáticos.
Segundo lembran AGASOL e o Clúster TIC, haberá zona de obradoiros e demostracións de produto na que se presentarán solucións abertas “cun enfoque eminentemente práctico”, polo que estarán dirixidos cara a perfís máis técnicos cun alto poder de decisión nos departamentos de IT de diferentes organizacións.
Como recordaremos, LibreCon é un evento de nivel mundial que xunta expertos de distintos ámbitos e organizacións internacionais. En entregas anteriores, contou coa presenza de Bruce Perens, co-fundador da Open Source Initiative (OSI), Jeremy Allison, da área de Open Source de Google, Jesús Ruiz, director de Innovación Aberta de Banco Santander, Peter Hofmann, responsable do proxecto LiMux do Concello de Múnic, Timur Pulathaneli, enxeñeiro de desenvolvemento en Ford ou Jim Whitehurst, presidente de Red Hat.
“LibreCon”, sinalan os organizadores, “é un foro único para coñecer algúns dos casos de éxito de negocios e tecnoloxías abertas máis relevantes do panorama internacional”. Segundo comenta Xavier Castaño, presidente de AGASOL, “a conferencia tamén é un punto de encontro de networking no que se fomentan o tecido empresarial, os investimentos e o emprego”. Ademais, sinala, “será un evento no que teremos a oportunidade de xerar negocio con algunhas das principais compañías e entidades de Europa”.
Para AGASOL, está claro que Santiago de Compostela, grazas a LibreCon, “converterase durante dous días no centro dos negocios, o emprego e as tecnoloxías abertas a escala internacional, e máis nunha cita obrigada para a industria tecnolóxica, coa presenza de directivos de todos os niveis, responsables técnicos, traballadores do sector e axentes públicos e privados tractores de innovación, coñecemento, emprego e negocio que queiran coñecer o último en solucións baseadas en tecnoloxías libres”.