Lowi remata xaneiro con 10.000 clientes novos
xoves, 5 de febreiro do 2015
Vodafone, amais
das cifras relativas ao último trimestre de 2014, deu a coñecer
estes días os números referentes á súa operadora móbil virtual,
de nome Lowi e lanzada acabalo
entre 2014 e 2015. Pois ben, os agoiros semellan positivos, xa que a
nova división de baixo custe da compañía foi
quen de pechar o mes de xaneiro con 10.000 clientes novos, unha
cifra que contrasta cos 5.000 de Pepephone e cos 850 de Tuenti para o
mesmo período. O seguinte paso de Lowi, agora que xa comeza a
consolidar unha carteira de usuarios que poida xustificar a súa
posta en marcha e o investimento que implicou, podería ser o de
abrir man para permitir a entrada da tecnoloxía 4G nas súas tarifas
e modalidades.
Como lembraremos, o
operador virtual Lowi foi habilitado para non descoidar un ámbito de
actividade (o chamado ámbito low cost da telefonía) no que
xa concorrían algúns dos principais competidores de Vodafone, como
por exemplo Telefónica. Vodafone, para facernos unha idea de cales
foron as súas intencións, presentou a nova división como “a
mellor alternativa para quen queira falar e navegar por pouco
diñeiro”. Segundo informou con motivo do seu lanzamento, estamos
ante “unha marca low cost de comunicacións que xorde co
compromiso de ofrecer servizos dunha maneira sinxela, transparente e
disruptiva”.
A liña de baixo custe de Vodafone opera sobre a
súa rede 3G cunha oferta de partida de 1 Gbyte de datos e chamadas a
todos os destinos nacionais a cero céntimos o minuto por seis euros
ao mes.