Lugo acolleu a presentación da ferramenta web Aldeas Vivas

mércores, 26 de xuño do 2024 S. P.

A Axencia Tributaria de Lugo acolleu este mércores 26 de xuño a presentación da ferramenta web Aldeas Vivas, unha iniciativa que se enmarca dentro do proxecto Territorio Intelixente promovido polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e que conta cunha axuda de 190.137,28 euros concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Na presentación participou a subdelegada do Gobierno en Lugo, Isabel Rodríguez, que destacou a importancia da innovación dixital para “ampliar o impacto das políticas de dinamización do territorio no rural lucense”. Acompañada polo presidente do GDR e alcalde da Fonsagrada, Carlos López; o presidente da FEGAMP e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; e a directora de AGADER, Mº Paz Rodríguez; a subdelegada incidiu “nas oportunidades desta nova xanela dixital aberta ao mundo, que aglutina nun mesmo espazo información, servizos e oportunidades para a promoción da vivenda ou a creación de emprego”.
Aproveitou a súa alocución para felicitar tanto ao GDR como á FEGAMP “polo seu traballo para desenvolver proxectos de dinamización socioeconómica e reactivación territorial, sempre apoiándose no tan necesario tecido asociativo para dar cumprimento ás demandas e necesidades dos seus veciños e veciñas”.
Finalizou a súa intervención tendendo a man “en nome do Gobierno para conseguir un reequilibrio territorial que garanta, neste caso para a montaña lucense e os 13 concellos que formades parte do GDR, a igualdade de oportunidades de todas as persoas, con independencia de onde vivan”.
A ferramenta
Contribuír a xerar un ecosistema de oportunidades de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía é un dos grandes obxectivos de Aldeas Vivas, ferramenta que informa da oferta de vivenda e de emprego na zona para captar e asentar poboación. Trátase dun banco de casas, terras e negocios que están dispoñíbeis nos catorce concellos que conforman o territorio do GDR Montes e Vales Orientais. Calquera persoa que teña algunha vivenda, negocio, terra ou incluso algunha oferta ou demanda de emprego, pode subila á web aldeasvivas.gal.
A idea é poñer en contacto ás persoas propietarias coas persoas que están interesadas en darlles uso.
Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente é un proxecto financiado pola Secretaría General para el Reto Demográfico. Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Goberno de España.