O Blog de Orientación do IES García Barbón de Verín achégase xa ás dúas décadas de andaina

venres, 28 de xuño do 2024 S. P.

O Blog de Orientación habilitado polo profesor Daniel Veiga Martínez no IES García Barbón de Verín segue sumando anos de actividade e experiencia, e xa son case dúas décadas de incansábel labor achegando recursos educativos, académicos e tecnolóxicos ao alumnado que axuden ás rapazas e rapaces a elixir estudos futuros e carreiras profesionais.
A orixe
O Departamento de Orientación do IES García Barbón de Verín foi pioneiro no uso do blog no ámbito da orientación académica (a primeira anotación no blog inicial é de febreiro de 2005). Foron dezasete anos de ano entradas continuadas neste blog. A partir do mes de maio de 2022 os responsábeis do caderno pecharon o blog inicial e abriron con “ilusión renovada” un novo e máis completo sitio de orientación, consellosentreestudantes.blogspot.com, que pretende ser unha ferramenta fortalecida de axuda para os estudantes, as familias e o profesorado. Como resultado, estamos a falar dun total de 19 anos de experiencia e de traballo blogorientador.
146 anotacións
No novo caderno, o equipo blogueiro de orientación do IES García Barbón xa leva publicadas 146 anotacións (de maio de 2022 ata o día 26 de xuño de 2024), o que implica, nas súas palabras, “un esforzo informativo que redunda en beneficio dos nosos estudantes”.
No actual curso académico 2023-2024 creáronse 71 anotacións.
“As nosas fontes principais de información son de calidade e utilizan datos oficiais e de páxinas institucionais”, explican, engadindo que “consideramos fundamental poder aportar co noso traballo unha coidada selección de contribucións que podan servir de base para pararse a pensar e tomar a decisión de futuro máis axeitada”. Entre estes recursos de información e formación atópase Ibercaja Orienta, Myvip, O teu futuro profesional, MyWayPass e Orientaline.
Tests e enquisas (autocoñecemento)
No novo Blog de Orientación o profesorado procura dar resposta ás demandas de información e orientación académica e profesional e tamén engade outros contidos que poderían ser de axuda para o conxunto da comunidade educativa. Entre os contidos recentes do novo blog figura información sobre as probas de acceso a ciclos de FP, sobre as bolsas para estudar inglés, sobre as actividades de lecer e tempo libre, sobre as actividades de voluntariado ou sobre os prazos de admisión de FP. Tamén foron achegados vídeos sobre técnicas de estudo, audiovisuais sobre as probas ABAU 2024 e datos de interese sobre as notas de corte dos centros residenciais e residencias universitarias ou sobre a Feira Virtual de Emprego.
“Un dos nosos obxectivos é sen dúbida axudar ao alumando na toma de decisións respecto do seu futuro académico e laboral”.

PUBLICIDADE