Rueda destaca que Galicia vai ser a primeira rexión de Europa en contar cunha lei de seu sobre o uso da IA
xoves, 27 de xuño do 2024
No acto inaugural da xornada sobre O impacto do Regulamento Europeo de IA nas organizacións, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración con Gartner, que contou coa participación de representantes de doce comunidades autónomas de España e da recentemente nomeada directora da Oficina de IA da Comisión Europea, Lucilla Sioli, o presidente Rueda subliñou que Galicia vai ser a primeira rexión en toda Europa en contar cunha lei de seu sobre o uso da intelixencia artificial.
Durante a súa intervención, o presidente salientou a importancia que a IA ten en tantos ámbitos do día a día, asegurando que se trata dunha cuestión xa de presente, e da que hai que aproveitar todo o seu potencial. Así mesmo, manifestou a súa alegría por encontros como este: “É bo que teñamos un espazo común onde falar entre todos de como o estamos facendo, intercambiar boas experiencias e avanzar no fundamental máis ou menos á mesma velocidade”, declarou.
Ao mesmo tempo, o presidente remarcou a necesidade de regular esta tecnoloxía, co obxectivo de garantir un uso seguro e ético, e buscando sempre avanzar: “Un fenómeno con tantísimo potencial debe ser regulado para que funcione adecuadamente”.
Neste sentido, destacou que Galicia vai á vangarda española e europea nesta tecnoloxía grazas á iniciativa das empresas e a políticas como a Estratexia Galega de IA, dotada con 300 millóns de euros. E, ademais, Galicia converterase na primeira rexión europea en afrontar a regulación do desenvolvemento e impulso desta tecnoloxía na Administración tras a aprobación do proxecto de lei por parte do Consello de Goberno. Unha lei que, para o presidente, vai ser clave para mellorar a calidade de vida e benestar das persoas: “Igual que todos os grandes avances da Humanidade, ten moitas máis vantaxes que inconvenientes. Facelo ben desde o principio vai ser fundamental para o camiño que queda por percorrer, que é moi longo”, rematou o presidente.
Principios comúns entre comunidades
Ao rematar a xornada, representantes de doce gobernos autonómicos mantiveron un encontro, co obxectivo de establecer uns principios comúns para a xestión ética e responsable da intelixencia artificial que poidan ser asumidos por todas as Comunidades Autónomas.
- Foto de familia da xornada