Lugo súmase á listaxe de 250 cidades de todo o mundo que celebran o Arduino Day
luns, 23 de marzo do 2015
A asociación
makers.lugo será unha das organizadoras da xornada Arduino Day,
que se celebra en 250 cidades de todo o mundo. Así nolo confirma
Andrés Maneiro, un dos fundadores da entidade, que co seu labor
incluíu Lugo entre a devandita listaxe de urbes que celebran a o
desenvolvemento do hardware libre Arduino e as súas múltiples
posibilidades para a enxeñaría industrial, a robótica, a
informática e os sistemas de intelixencia artificial. A cita é este
28 de marzo. En Lugo, o centro de operacións dos festexos estará no
Centro Uxío Novoneyra. Alí realizarase unha exposición de
iniciativas relacionadas con Arduino, plataforma de hardware libre
para a creación de proxectos interactivos.
Segundo informa
makers.lugo, trátase da segunda edición deste evento, que se levará
a cabo durante todo o día, aberto a tódolos públicos. Contarase
ademais coa presenza de iniciativas de toda Galicia, “dando a
coñecer unha ampla variedade de proxectos, dende impresoras 3D ata
sistemas para o control enerxético do fogar, pasando por robótica
educativa, árbores de Nadal ou invernadoiros controlados por
Arduino”, explican dende a asociación. O evento realizarase de
10:00 a 13:30 horas e 16:30 a 19:30 horas, con presentacións de
proxectos tanto pola mañá (de 11:30 a 12:30) como pola tarde (de
17:30 a 18:30).
Lembrar que makers.lugo é
unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, que
forma parte do movemento maker (a
cultura de “fágao vostede mesmo”, sinalan os membros do
colectivo). Ten como obxectivo contribuír á construción
dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía,
impulsando actividades relativas a hardware e software sen licenzas
privativas. Segundo engade a asociación acerca do seu propio nome, o
termo maker é unha palabra acuñada por Dale Dougherty,
fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ao espírito
e á metodoloxía que se aplicaban dende anos antes nos hackerspaces
e fab labs. Nestes obradoiros, engade a asociación galega,
xuntábanse milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores,
autodidactas e seareiros TIC de todo o mundo, “compartindo ideas e
proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre
acceso á tecnoloxía”.
Como dixemos, o Arduino
Day conmemora a chegada da plataforma do mesmo nome, unha
tecnoloxía baseada nunha placa cun microcontrolador e un entorno de
desenvolvemento, deseñada para facilitar a creación de proxectos
interactivos, que integren elementos electrónicos. Segundo recorda a
asociación makers.lugo, Arduino foi creada hai unha década no
Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea.
Desenvolveuse como ferramenta para que os estudantes puidesen ter
acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. “Na
última década”, cóntanos Andrés Maneiro, “estendeu o seu
obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global
de electrónica e do movemento maker”.