Lumbalxias dixitais

martes, 17 de outubro do 2006 Raquel Noya

Increméntase no mundo o abano de doenzas e males (e de baixas de traballo) relacionados co emprego intensivo das novas tecnoloxías: damos uns conxellos para evitalos

Gripe, varicela, lumbalxia, xaquecas, gastroenterite, depresión... son por estas terras nas que vivimos frecuentes motivos de baixa por enfermidade nas que o empregado ten dereito a percibir unha indemnización por parte do empregador. Agora ben... algunha vez se soubo de alguén que collera unha baixa por tendinite no pulso ó ser vítima dun exceso de uso do rato? Supoño que non. Primeiro pola vergoña que se debe pasar ó ir ó médico de cabeceira e comentarlle os motivos da nosa visita (aínda que hai de todo) e segundo porque tal como indica un informe da Asociación Tecnolóxica de Dinamarca, o rato é prexudicial para os tendóns, despois de vintecinco horas de emprego; cousa que non é moi frecuente hoxe en día (nin tampouco moi legal afortunadamente).
Agora ben, en Dinamarca, a tendinite polo uso deste periférico xa está considerada oficialmente como enfermidade laboral. As autoridades danesas veñen de determinar de xeito oficial que as doenzas nos tendóns e nas articulacións provocadas polo emprego do rato constitúen un motivo de baixa laboral e outórgalle ó empregado o dereito a ser indemnizado por parte do empregador. Unha resolución que os sindicatos cualificaron como fantástica e sen precedentes, xa que supón un gran logro despois de varios anos loitando porque o empresario se fixera cargo legalmente das dores prolongadas dos empregados.
Aquí en España aínda non está oficialmente recoñecida como enfermidade laboral a tendinite no brazo polo uso do rato, pero hai outras doenzas típicas de oficinistas e empregados que traballan fronte ós computadores a cotío que son motivos de baixa laboral. Son as coñecidas como enfermidades laborais modernas e están causando o meirande número de baixas no mundo. Enfermidades pasaxeiras, iso si, producidas polo emprego excesivo do ordenador, pero que hai que controlar.
Se temos que pasar moitas horas perante ó computador, se cadra o máis importante é non adoptar posturas complicadasUnha persoa que usa o equipo informático como ferramenta de traballo executa entre 12.000 e 33.000 movementos de cabeza e ollos, as pupilas reaccionan de catro a 17 mil veces e, ademais, adoita a executar unhas 30 mil pulsacións de teclado, polo que o equipo non causa de xeito directo estas doenzas, pero si as motiva; por iso hai que aprender a usar estas novas ferramentas de traballo:

Monitores. Existe unha certa discrepancia entre os expertos sobre si os trastornos oculares derivados de traballar con computadores son só transitorios ou se poden converter en patolóxicos. O certo é que si existen miopías causadas pola lectura, tamén pode habelas causadas polo ordenador. Ó traballar con pantallas de xeito prolongado e habitual, algunhas deficiencias oculares sen importancia pódense converter en lesións máis ou menos graves. Para evitar síntomas como picazón, pestanexo, visión borrosa ou cansazo visual, recoméndase:
§ Que as cores do monitor sexan claras e mates (para evitar reflexos).
§ Que os caracteres estean ben definidos, cun bo nivel de contraste respecto do fondo, de tamaño abondo e cun espazo axeitado entre as ringleiras.
§ Que a imaxe da pantalla sexa estable, sen escintileos, reflexos, relampos ou reverberacións.
§ Que o ordenador teña un tratamento antirreflexo ou incorpore un filtro especial.
§ Que o filtro non escureza demasiado o monitor.
§ Que a pantalla se sitúe a unha distancia que varíe entre os 50 e os 60 cm. (nunca menos de 40 cm.).
§ Que a parte superior da pantalla estea a unha altura semellante á dos ollos, ou lixeiramente máis baixa. Deste modo sitúase nunha zona óptima de visión, comprendida entre os 5 e os 35 graos por debaixo da horizontal visual e dende a cal se contempla todo sen esforzo.
§ A pantalla ha de colocarse perpendicular ás xanelas. Nunca en fronte ou de costas a elas. No primeiro caso pódense producir breves cegueiras, mentres que no segundo os reflexos da luz natural sobre o cristal son inevitables.

Algúns exercicios oculares poden consistir en pecha-los ollos mediante a axuda das palmas das mans pero sen facer forza. Outro é sentar de maneira correcta e ollar cara a adiante, para despois, sen mover a cabeza, desviar a mirada todo o posible cara a esquerda e logo cara a dereita. É recomendable tamén usar un atril para os documentos, colocándoo a unha distancia equivalente á pantalla e a súa mesma altura. Deste xeito non se baixe e se sube constantemente a cabeza para mirar e redúcese a fatiga visual. A luz, a ser posible que sexa natural, e, se non pode ser, unha luz fluorescente posibilita o descanso da vista. Outra recomendación importante (aínda que non é doada de levar a cabo) é facer descansos de cinco minutos cada hora. Durante estas breves pausas hai que recrea-la vista ollando para escenas afastadas e, de ser posible, agradables (non tanto para a vista se non para o estado de ánimo).

O teclado. Os problemas que xorden polo mal uso deste periférico veñen derivados dunha posición forzada das mans (cara a fóra) e unha serie de movementos rápidos e repetitivos que poden chegar a provocar tendinite ou tenosinovite. Este periférico é unha herdanza do que foi deseñado no século pasado para as máquinas de escribir, só que agora conta con teclas máis suaves e outras adicionais con funcións específicas. Cada vez máis, existen no mercado teclados máis modernos e funcionais, que ofrecen mellor ángulo de traballo para as mans ou con teclas situadas onde os dedos teñen unha posición de descanso, como son os teclados ergonómicos ou os repousapulsos. Estes son máis custosos cós normais pero paga a pena empregalos sempre que se pasen moitas horas perante o computador. Outros consellos respecto do teclado son:

  • Que sexa mate ou de cores claras para evitar reflexos.
  • Que sexa independente da pantalla, para permitir adoptar unha postura cómoda que non provoque cansazo.
  • Que sexa regulable en canto á inclinación, nun intervalo de 10 a 15 graos.
  • Que a liña media do teclado (terceira ringleira) non erga máis de tres cm. da superficie de traballo.
  • Que sexa estable e non escorregue pola superficie na que repousa.
  • Que os símbolos das teclas sexan salientables e lexibles dende a posición normal de traballo e, asemade, que sexan escuros sobre fondo claro.
  • Que teña espazo abondo diante para poder apoiar comodamente brazos e mans, evitando así a tensión no lombo.
  • Que estea situado dentro do chamado espazo asequible, que comeza a partir do fío da mesa e nunca nunha superficie lateral respecto da pantalla (mellor sempre de fronte).


Os especialistas tamén recomendan lava-las mans a miúdo con auga fría para favorecer a circulación do sangue nas extremidades. Agora ben... é posible que os empresarios non estean totalmente de acordo con este último consello, xa que ó café diario de media mañá, ós 2 ou 3 cigarros antiestress de rutina e á visita de cando en vez ó cuarto de baño debemos sumarlle tamén estes minutos que tardamos en ir ó lavabo, mollar as mans e deixarlle claro ós compañeiros de traballo que non temos unha obsesión pola hixiene, senón que estamos a evita-la baixa por tendinite ou tensión nas cervicais.
O que queda ben claro é que, seguindo unha serie de consellos, podemos traballar para non sufrir afeccións como o síndrome do túnel carpiano, bursitie, epicondilite, tendinite, dedo do tenosinovite (ou do disparador)... que afectan non só os traballadores de oficinas senón tamén a amas de casa, músicos, traballadores fabrís e incluso ós nenos que empregan os ordenadores e os videoxogos tanto nos colexios como nos fogares; nenos susceptibles de coller baixas en idade adulta por unha tendinite que arrastran dende idades moi temperás se non se fai nada por evitalo a tempo.

PUBLICIDADE