Madrid acolle o día 28 de maio a primeira conferencia europea contra o ciberacoso
luns, 22 de abril do 2013
A Asociación Xeral de Consumidores de España está
a preparar os detalles dunha xuntanza a celebrar en Madrid sobre unha
cuestión que preocupa a unha boa parte das nais e pais que teñen
aos seus fillos introducíndose no miolo das novas tecnoloxías da
información. Falamos do ciberacoso e as súas moitas feituras ou
manifestacións. A cita, como dixemos, será en Madrid, o vindeiro 28
de maio, e vén da man de ASGECO
e máis de COFACE, a
Confederación de Organizacións Familiares da Unión Europea.
Segundo informan os organizadores, trátase da primeira conferencia
do ámbito da Unión sobre o devandito tema tecnolóxico-social.
Unha cuestión que, non nos cansaremos de repetilo,
non ten a súa orixe nin o seu principal causante nas TIC, senón que
é unha aplicación a este eido tecnolóxico e viral dos males que o
ser humano xa acubillaba previamente. A solución? Pois amais de
debater e establecer medidas conxuntas de colaboración (a finalidade
deste evento), pasa por axudas aos nosos fillos, no ámbito
tecnolóxico, da mesma maneira que os axudamos no resto das
actividades para as que se están a preparar. Ou sexa, axudalos a
identificar situacións de risco e a saber até onde poden chegar, en
uso e en tempo de uso, con respecto ás redes. Volvendo ao encontro
en si mesmo, dicir que vai reunir “aos actores e partes
interesadas que participan arestora na prevención do acoso
cibernético, na detección e intervención temperá, incluíndo
organizacións non gobernamentais, as liñas de axuda e liñas
directas, os organismos públicos e a policía”, informa
ASGECO. E engade: “O resultado da conferencia alimentará a
reflexión e as achegas á elaboración de material destinado a nenas
e nenos, nais e pais, profesores tamén, e todo co obxectivo de
capacitalos en relación ao acoso en liña”. A conferencia
organízase dentro do marco do proxecto europeo DELETECYBERBULLYING,
financiado polo programa Daphne III da UE (protección dos nenos, a
mocidade e as mulleres contra tódalas formas de violencia). Os
socios do proxecto proveñen de España, Gran Bretaña, Bulgaria,
Bélxica, Grecia, Finlandia e Hungría.