Máis de 4 de cada 5 empresas tecnolóxicas galegas utiliza software libre

luns, 29 de xaneiro do 2024 Redacción

O uso do software libre mantívose por riba do 84% nas empresas TIC galegas en 2022, segundo o estudo sobre uso deste tipo de programación nas empresas TIC de Galicia no ano 2022, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA). O 84,1% empregan este tipo de software nos seus equipos informáticos, sexan ordenadores ou servidores, o que representa unha tendencia estable nos últimos anos.
As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores web e as aplicacións ofimáticas libres, as de xestión de contidos web e xestor de correo electrónico, todos eles cunha presenza superior ao 49% no sector.

As empresas TIC galegas como provedoras de solucións libres

O 51,1% das empresas TIC que venden produtos de software, ofertou bens ou servizos en software libre no 2022.
Sobre o total de empresas TIC, os programas que máis distribúen as empresas TIC en versión de Software Libre son: Xestión de contidos, páxinas web, marketing dixital, Sistemas, servizos de virtualización, servidores e aplicacións na nube, E-commerce e Ofimática, ofrecidas todas elas por máis da cuarta parte das empresas que venden software.
No 2022, o 89% das empresas TIC que ofrecen produtos ou servizos de Software Libre proporcionan consultaría tecnolóxica de Software Libre, un 4,2% máis que o ano anterior; e un 64,2% das empresas TIC proporciona consultaría de servizos de Software Libre propio, experimentando un incremento do 4,6% respecto ao ano 2021.

PUBLICIDADE