Mancomún anima á comunidade galega de software libre a participar na Conferencia Internacional

luns, 16 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Sobre o software libre tense dito e discutido moito, e nada hai que indique que vai cesar este continuo ir e vir arredor das súas vantaxes e diferenzas co software privativo. Quen faga, use e desenvolva software libre está xa a sentar as bases dun traballo colectivo na Rede que tamén terá fitos e feitos na vida presencial. Polo tanto, a listaxe de encontros sobre código aberto para a vindeira tempada será (de certo) sensiblemente superior á do ano pasado. E o mesmo acontecerá o ano que vén.
Enleadas aparte, albiscamos xa ao lonxe un dos eventos colectivos sobre open source máis importantes do panorama internacional: A Conferencia Internacional de Software Libre, prevista para os días 20, 21 e 22 de outubro na cidade de Málaga. O evento (na imaxe), que ten neste intre aberto o prazo para a presentación de relatorios, obradoiros e actividades en xeral (ata o 30 de xuño), contará con presenza galega. De feito, a idea é reforzar ao máximo a nosa pegada a todos os niveis do dito encontro.
Co fin de que esa pegada galega sexa o máis fonda e ampla posible, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) anunciou xa que participará no evento en labores de coordinación. A plataforma, que aproveitará para dar a coñecer os seus obxectivos e os seus traballos en materia de difusión do software libre e de tradución ao galego de programas de todo tipo, anima deste xeito á comunidade galega de usuarios, colectivos e empresas ligadas ó código aberto a que participen nesta xuntanza de importancia internacional. Con este fin de coordinar a delegación galega, Mancomún vén de abrir un espazo específico no seu wiki.