Mancomún certifica a aposta galega polo software libre perante a comunidade lusófona

luns, 6 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Roberto Brenlla pechou dende Compostela o seguimento do encontro BrOffice 2008

A semana pasada, as actividades vinculadas ao software libre en Galiza remataron cun acto encamiñado dobremente a afianzar ligazóns: as do colectivo xeral de usuarios e deseñadores de software libre do internacional e, máis polo miúdo, as da comunidade de programadores do eido lusófono. O instrumento clave para o achegamento foi de novo a tecnoloxía, concretamente a da videconferencia. Así, foi grazas a este recurso de comunicación como Galiza puído participar finalmente no BrOffice 2008, un encontro celebrado en 27 cidades de Brasil e que contou con máis de 2.500 persoas procedentes do panorama internacional da programación aberta. A achega galega veu dunhas mans ben concretas: as do Centro de Software Libre Mancomún, que contou coa axuda do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) para facer realidade a intervención, malia a distancia física e o desfase horario.
Asemade, puído participar no evento e a través de videoconferencia Roberto Brenlla, economista e fundador de AGNIX, quen puxo o punto e final á intervención galega no BrOffice cun exame da situación presente do software libre en Galiza e cun prognóstico do que nos espera neste eido o día de mañá.
Brenlla, que pechou dende Compostela un seguimento do acto por videoconferencia que se estendeu dende as 14.30 ata as 20.00 horas, valorou o esforzo feito na nosa terra pola Consellería de Innovación e por un bo feixe de empresas en materia de divulgación e afianzamento do software libre para todos os eidos: a nivel de usuario, empresarial, educativo, administrativo, etc.
Amais, e segundo explicou a plataforma Mancomún, Brenlla arrancou o aplauso de todas as persoas que estaban a seguir a xuntanza ante unha cuestión na que lle instaban a opinar sobre o vieiro que debía seguir o código aberto para facer fronte a Microsoft. Ao que respondeu “non o sei nin me importa, é Microsoft o que debe adaptarse, non o software libre”.
Por certo que no evento BrOffice, que contou para esta súa segunda edición con Mancomún en labores de patrocinio, participaron tamén comunidades de usuarios de programas abertos de Portugal e de Paraguai. A idea colectiva, que xurdiu da promoción a nivel lusófono do Office (a ferramenta ofimática aberta), espállase cada ano a todo tipo de ramificacións do social (atende á natureza e significado mesmo do software libre e non xa dunha ferramenta soa en concreto), e, sen ir máis lonxe, este ano serviu para que cada unha das 2.500 inscricións fosen trocadas por un quilo de alimentos non perecedoiros, seguindo de preto ese espírito de converter a suite ofimática nunha cuestión social en toda regra e nunha ideoloxía ben asentada.