Mancomún completa a tradución da suite Mozilla ao galego

venres, 20 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A versión de proba do novo Mozilla Thunderbird xa está traducida ao galego

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza vén de anunciar que as súas tarefas de tradución dos aplicativos máis populares da suite Mozilla ao galego, “foron completadas con éxito”.
Deste xeito, segundo anuncian na súa web, ao popular navegador Firefox, vén de engadírselle agora un “versátil xestor de correo electrónico (o Thunderbird), o que incúe a contorna que os integra a todos nun único aplicativo: o Seamonkey “.
Quere dicir isto que a iniciativa pública en prol do software libre complementou a iniciativa voluntaria individual propia deste tipo de comunidades, como pasou co caso da tradución do Songbird.
Agora, segundo veñen de anunciar dende Mancomún, grazas a “este paso crítico”, a cidadanía galega poderá dispoñer de versións destes aplicativos actualizadas continuamente, “que irán sendo fornecidas de xeito progresivo para as plataformas informáticas máis populares como Linux, Max e tamén Windows”.
Asemade, a actualización desta ferramenta permítenos empregar en galego determinadas adaptacións do Firefox, como a desenvolvida específicamente para a plataforma Mac (Camino) ou a destinada ao seu uso en dispositivos móbiles (Fennec).
As novas traducións incorporadas, que se achegan con máis detalle na web de Mancomún, aínda son completamente funcionais pese a estar feitas en versión beta.
Este é, segundo afirman, “o procedemento habitual da Fundación Mozilla”, que somete calquera tradución da aplicación a un breve periodo de avaliación, a fin de poder certificar a súa calidade e bo funcionamento logo das achegas realizadas pola comunidade.