Mancomún libera unha nova versión do Galinux: a 9.04
venres, 29 de maio do 2009
Logo de que a pasada semana Mancomún publicase
unha versión nova do metapaquete AraOS que se adaptaba mellor á 9.04 de Ubuntu
(Jaunty Jackalope), este Centro de Referencia de Software Libre, vén agora de
liberar algunhas aplicacións do
Galinux para a mesma versión de Ubuntu, cumprindo así co seu compromiso
firme de fornecer a toda a sociedade galega dun completo sistema operativo
libre na súa propia lingua.
Esta nova versión de Galinux, ao estar
baseada en Ubuntu Jaunty Jackalope, corrixe os erros contidos en Intrepid Ibex
e mellóraos, segundo afirmaron os seus responsables, “en moitos aspectos”. Deste xeito, tal e como anuncian hoxe mesmo
na web de Mancomun, os usuarios de Galinux que descarguen o novo sistema
operativo, poderán comprobar unha actualización do contorno de escritorio a
GNOME 2.26 así como “unha cualitativa
mellora no rendemento do sistema, tanto en tempo de arranque como no lanzamento
dos aplicativos instalados”.
A nova versión inclúe asemade preto de 50
megas de actualizacións de Ubuntu 9.04, incorporadas a maiores ata o día nos
repositorios do sistema operativo base.
Dende que o Galinux fora presentado a
finais do pasado ano, Mancomún xa publicou dúas versións do sistema operativo
en galego, do que se levan repartidos máis de 23.000 exemplares e realizado
preto de 35.000 descargas dende a Rede.
Esta versión, ao igual que a anterior
liberación, poderá ser actualizada polos usuarios que así o desexen sen
necesidade de reinstalar o seu computador, de dúas maneiras: a través do
repositorio de Mancomún ou ben a través da
descarga do CD, que permite
probar o sistema en modo vivo para comprobar as súas vantaxes antes de
instalalo.
Nembargantes, e pese ás melloras
sustanciais que ofrece esta nova versión do noso particular sistema operativo,
Mancomún recoméndalle o Galinux 8.04
a aqueles usuarios que se inician no seu uso xa que está
baseada en Ubuntu 8.04 LTS e, polo tanto, é obxecto de actualizacións de
seguridade por un tempo superior ás versións habituais.
O Galinux 8.04 pode obterse a través dos puntos de
distribución ou tamén a través da descarga na web.
