Mancomún presenta Galinux, o sistema operativo libre en galego

mércores, 10 de decembro do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de anunciar a presentación do seu sistema operativo en galego, Galinux, que terá lugar mañá xoves, 11 de decembro, no Hotel Portal do Camiño en Santiago de Compostela.
Este software, desenvolvido polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre (Mancomún) conxuntamente coa comunidade galega de software libre, vai ser presentado pola directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, quen virá acompañada de importantes personalidades do eido do software libre en Galicia como Xesús M. Benítez Baleato, coordenador de Mancomún, Denís Fernández, presidente da asociación de software libre, GLUG, Javier Vázquez, presidente da Asociación Galega de Empresas de Software Libre de Galicia (AGASOL) ou Enrique Estévez, responsable da Oficina de Software Libre da USC, entre outros.
Tralo acto de inauguración, terá lugar o relatorio Software libre na Administración pública: o caso de Brasil, que virá da man de Claudio Filho, responsable do BrOffice e migración masiva de escritorios en Brasil.