MeLiSA dá comezo á segunda edición dos obradoiros de software libre nos cárceres galegos
luns, 14 de xullo do 2014- Exterior do cárcere de Teixeiro
O
colectivo de usuarios de software libre da Terra de Melide, MeLiSA,
iniciou
a semana pasada no Centro Penitenciario de Teixeiro a segunda
edición dos
Talleres
tecnolóxicos e software libre nos cárceres de Galicia. Segundo informa a
asociación, trátase dunha nova achega de formación en tecnoloxías
e programación aberta directamente dirixida a combater fendas
dixitais e, en última instancia, botar man da informática sen
barreiras para afianzar a vindeira inserción social e laboral dos
participantes nestes obradoiros. Lembrar que MeLiSA retoma o fío do
importante traballo despregado o ano pasado en cinco centros
penitenciarios e dous CIS (Centros de Inserción Social) da nosa
terra.
Máis en detalle, “o obxectivo principal deste
proxecto é levar aos internos dos centros un curso de formación
para que poidan coñecer as características principais dos programas
informáticos que se liberan baixo unha licenza libre”. Os contidos
dos cursos adáptanse aos recursos dispoñíbeis en cada centro, así
como ao perfil dos internos. Así, no centro de Teixeiro está a ser
impartido un curso de alfabetización dixital e reparación de
equipos con GNU/Linux dirixido aos internos do módulo de respecto, e
o módulo de mulleres. Polo que atinxe aos CIS, os obradoiros tamén
teñen as súas particularidades, partindo da base de que os internos
gozan nestes centros dun réxime aberto que lles permite acudir ás
aulas da rede CeMIT de AMTEGA para recibir formación complementaria
do uso de diferentes servizos dispoñíbeis a través de Internet
(correo electrónico, busca de emprego, uso básico de redes sociais,
etc.).
Segundo informa a asociación de Melide, o
responsábel do taller que remata o este 16 de xullo en Teixeiro é
Salvador Tabarés, voluntario do colectivo de software libre. Outros
voluntarios son Rafael Rodríguez e Miguel Bouzada, que serán os
encargados de impartir os obradoiros en A Lama e máis no CIS de
Vigo, respectivamente. Para os meses de setembro e outubro están
programados o resto de talleres nos centros de A Lama, Pereiro de
Aguiar, Monterroso e Bonxe, así como nos CIS de A Coruña e Vigo.
Esta actividade, forma parte das actividades que
MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e
incluídas no Plan
de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia. Ao mesmo
tempo, conta coa colaboración e apoio do equipo de Voluntario
Dixital.