MeLiSA falará en Santiago sobre as posibilidades do software libre R en múltiples eidos científicos e empresariais

martes, 1 de outubro do 2013 Redacción

Entre as moitas actividades sobre programación aberta que temos ao noso dispor este mes de outubro, cómpre salientar a primeira edición da Xornada de Usuarios R en Galicia, que se celebra o vindeiro 10 de outubro a partir das 10.00 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Conxo, Santiago). A actividade xorde coa arela de xuntar a toda a comunidade de usuarios de R nun mesmo foro, e coa intención de pór en común os traballos que se están a realizar na nosa terra arredor deste software libre, un recurso multiplataforma e con grandes potencialidades no ámbito da estatística en calquera das súas manifestacións. A maiores, o que se pretende con esta acción colectiva é acadar unha visión global das oportunidades desta ferramenta e interactuar de xeito persoal cos profesionais que están a empregala.
Esta xornada está organizada por MeLiSA (Asociación de Usuarios e Software Libre de Terra de Melide) dentro das actividades integradas no convenio asinado coa AMTEGA, e conta coa colaboración do CNTG, a OSL do CIXUG, e a Xunta de Galicia. A actividade contará coa participación de recoñecidos profesionais do sector da saúde, universitario, investigador e empresarial que son referencia en Galicia no uso deste software, e está aberta a que calquera persoa interesada en coñecer R poida asistir e participar na mesma.
Segundo nos lembra o colectivo de Melide, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL, engade MeLiSA, ao que conclúe: “O seu uso e desenvolvemento é mundial e global, a través da colaboración de universidades de como Harvard o Yale e empresas tan importantes como Google ou Bank of America”.
A asistencia á xornada é totalmente de balde, pero é preciso inscribirse a través da web de MeLiSA.