MeLiSA prepara a segunda Xornada de Usuarios de R en Galicia

mércores, 2 de setembro do 2015 Redacción

O día 1 de outubro o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) de Santiago de Compostela acollerá a II Xornada de Usuarios de R en Galicia. Organizada pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA), e patrocinada pola AMTEGA (Xunta de Galicia) incluirá relatorios e obradoiros co fin de promover o coñecemento da linguaxe estatística R e as súas aplicacións. Cómpre engadir que este encontro quer servir de punto de unión para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións co resto da comunidade.
Esta iniciativa enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a AMTEGA e MeLiSA para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2015.
Dende a organización do evento convidan a compartir ideas sobre esta xornada, presentar unha charla sobre algún tema de interese ou organizar un obradoiro, para iso é preciso contactar con eles a través do formulario de contacto. A inscrición é de balde, e de libre acceso.
Dende este intre o programa do evento irase actualizando. Asemade, dicir que a relación de actividades de 2013 xa se atopa publicada (incluíndo as presentacións de cada relator). Respecto do programa do novo evento, dará comezo ás 9.30 horas coa chegada de asistentes e recollida de material para seguir ás 10.00 horas coa sesión de apertura a cargo de Rafael Rodríguez, presidente de MeLiSA, Miguel Ánel Rodríguez, membro do comité organizador (MeLiSA) e Alfonso Blasco, director do CNTG. Logo intervirán (novamente) Rafael Rodríguez (Atréteve con R), Salvador Naya e Javier Tarrío (Aplicacións de R fiabilidade), Marcos Fernández (Uso de R na administración: procesamento de expedientes e automatización de tarefas) ou Isabel Martínez (PREBED, software de avaliación odontolóxica).
Segundo recorda o colectivo de Melide, R é un software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e que nestes intres estase a utilizar en numerosos eidos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, ...). R ten unha natureza dupla de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL, engade MeLiSA.