Medra considerablemente a penetración de Twitter entre os usuarios mozos

luns, 9 de novembro do 2009 Marcus Fernández

O último estudo de Pew amosa un sorprendente cambio nas idades medias dos usuarios das plataformas de redes sociais, de xeito que podemos ver como redúcese a media de idade en Twitter á vez que increméntase en Facebook. Temos así que o usuario medio de Twitter ten 31 anos, o de Facebook 33, o de LinkedIn 33 e o de MySpace 26, de xeito que vese que os distintos intereses dos internautas segundo a súa idade estarían a marcar o seu espazo na Internet.
O cambio en Twitter é especialmente rechamante, pois estaba a ser considerado como un método de comunicación que estaba a afastarse dos mozos, pero entre decembro de 2008 e setembro de 2009 podemos ver como a porcentaxe de internautas de entre 18 e 24 anos que usan Twitter pasou do 19% ao 37%, o que supón un incremento realmente impresionante, pois o servizo de microblogging pasa de ser algo anecdótico a normalizarse entre os mozos máis activos na Rede, e incluso no caso dos usuarios de entre 25 e 34 anos chega ao 31%.
A tenor desta evolución no uso das redes sociais podemos entender que os argumentos que daban os analistas asegurando que Twitter non valía para os mozos resultaron ser pouco atinados, e posiblemente non tiveron en conta o forte influxo que ten a xente famosa á hora de crear tendencia (lembremos que moitos actores e cantantes son agora usuarios activos en Twitter, o que incrementou considerablemente a visibilidade do servizo).

PUBLICIDADE