Medra en Galicia a capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e reter talento dixital
luns, 8 de maio do 2023
O
Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA)
publicou un estudo sobre a traxectoria profesional dos perfís STEM
(Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) na nosa Comunidade.
No informe achégase unha manchea de datos de interese que confirman
e corroboran a gráfica ascendente da dita traxectoria. No estudo
Talento
dixital estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de
Galicia. Edición 2023 dise entre outras cousas que a
porcentaxe de persoas matriculadas neste tipo de carreiras no Sistema
Universitario Galego incrementouse un 3,6% en dous anos e preto do
80% dos titulados neste área seguen a traballar en Galicia cinco
anos despois de rematar os seus estudos.
Como
dixemos, o informe foi elaborado polo Observatorio da Sociedade da
Información en Galicia (OSIMGA), da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia, que analiza a evolución destes perfís
profesionais durante o período 2019-2023.
Os
datos sinalan que “Galicia está a incrementar a súa capacidade
para xerar vocacións tecnolóxicas e tamén para reter talento”.
Deste xeito, en dous anos o número de persoas matriculadas en
carreiras STEM pasou de 12.996 matriculacións a 13.469. Ademais,
preto do 80% das persoas tituladas en carreiras STEM está a
traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos. A
porcentaxe de titulados neste área que optan por traballar fóra de
Galicia nos cinco primeiros anos da súa traxectoria laboral pasou do
24,7% no 2019 ao 20,3% no 2021. Ademais, o informe apunta a que os
egresados en STEM presentan un alto grao de satisfacción cos estudos
universitarios e máis do 90% volvería a cursar a mesma titulación.
Fenda
dixital aínda presente
Na
investigación tamén se fai saber que a fenda dixital de xénero
segue presente nos estudos STEM e é especialmente acusada na FP, na
que as mulleres só representan o 12,4% do alumnado. No Bacharelato o
47,5% do alumnado de Ciencias e tecnoloxía son mulleres pero
na universidade esta porcentaxe quédase no 34% a pesares de que en
ambas etapas formativas as mulleres son, globalmente, máis do 55% do
alumnado.
Por
titulacións, as mulleres son minoría nas carreiras de enxeñerías
e tecnolóxicas (Informática, Industrial e Telecomunicacións). “Son
maioría nas Ciencias Naturais e en Matemáticas partían dunha
situación igualitaria pero van perdendo peso no alumnado a medida
que neste grao é máis difundida a súa relación coas tecnoloxías
da información”, engádese.
Inserción
laboral e sectores
Respecto
ao nivel de inserción laboral, o estudo sinala que o 87% das persoas
tituladas na área STEM en Galicia está traballando aos cinco anos
de titularse, cun crecemento do 4,1% respecto a dous anos antes.
Resulta salientable que a inserción laboral das mulleres acada o
87,3% e supera lixeiramente á dos homes 86,6%.
Por
outra banda, o tempo para acadar un posto de traballo entre os
universitarios STEM en traballos relacionados reduciuse en máis de
mes e medio.
O
estudo reflicte tamén “a aceleración da dixitalización no tecido
produtivo e o aumento da demanda de tecnólogos e científicos en
todos os sectores”. Con todo, o sector TIC é a principal fonte de
emprego para as persoas tituladas STEM (23,8%) seguido pola industria
non TIC (16%) e as empresas non TIC de enxeñaría e servizos a
empresas (13%). En cuarto lugar o sector público (administración
xeral, educación e sanitaria) emprega ao 12,6% de egresados.
Funcións
actuais
As
principais tarefas relacionadas coas tecnolóxicas máis disruptivas
que están a desenvolver titulados STEM son mobilidade, tecnoloxías
na nube (Cloud), análise de datos masivos (Big Data),
ciberseguridade, Intelixencia Artificial, tecnoloxías verdes,
Internet das Cousas e biotecnoloxía.
A
estes roles súmanse as ocupacións máis “tradicionais” de
titulados STEM como estratexia e xestión do negocio no sector TIC,
programación, desenvolvemento web e administración de sistemas,
mantemento e xestión de redes, webs e sistemas informáticos e
docencia en materias STEM.
As
ocupacións emerxentes ou relacionadas con tecnoloxías disruptivas
que máis aparecen na descrición dos empregos dos STEM son nos
ámbitos de análise e ciencia de datos, biotecnoloxía e medio
ambiente.
Demanda
de persoal con titulación STEM no sector TIC
Na
investigación explícase tamén que o 81,1% das empresas TIC que
ofertan emprego para titulados STEM, indican que “cubrir estes
postos é difícil ou moi difícil”. En canto aos perfís concretos
do persoal que demanda o sector TIC, máis do 48% das empresas TIC de
Galicia busca perfís relacionados coa programación, desenvolvemento
de aplicacións e desenvolvedores de software en xeral; máis do 20%
busca profesionais relacionados coas tecnoloxías cloud,
a xestión do dato e a ciberseguridade; e máis dun 18% das empresas
tecnolóxicas están demandando na actualidade perfís con
coñecementos en Intelixencia Artificial.
Os
resultados detallados do informe están dispoñibles na web
www.osimga.gal.