Medra o fraude en liña, malia diminuír as cantidades estafadas

martes, 28 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) vén de publicar os datos recadados trala última ondada do seu Estudo sobre o fraude a través de Internet, realizado polo Observatorio da Seguridade da Información no segundo cuadrimestre do 2011, e o resultado resúmese en que malia que as contías son cada vez menores, os ataques de fraude en liña que derivaron nunha perda económica para os internautas, “incrementáronse nun punto porcentual con respecto a 2010”.
Isto, que a priori semella algo negativo dadas as medidas de seguridade que a comunidade internauta ten a súa disposición para evitar os fraudes, o certo é que é moi esperanzador pois os usuarios non renuncian a empregar servizos como o correo electrónico ou a banca en liña, e cada vez son máis os que usan Internet para as súas actividades de compra-venda.
O estudo destaca que “un 64,2% dos internautas españois viviron algunha situación de fraude recentemente”, o que pon de manifesto a dimensión deste fenómeno en liña no noso país, porén para maior tranquilidade, tamén engade que na maioría dos casos non chegaron a consumarse.
Os profesionais do Observatorio combinaron a realización de entrevistas a usuarios de Internet co escaneo en liña de equipos de todo o Estado, e comprobaron que o malware aloxado nos equipos analizados (un 47,4% aloxa troianos xenéricos, un 6,9% troianos bancarios e un 6,2% rogueware) tamén é “un indicador do fraude potencial que sofren os mesmos”, “malia que este feito non implica necesariamente que se produza unha situación de fraude”, aclaran.
O obxectivo que perseguen os estafadores en liña é sempre obter beneficio económico, ben directa ou indirectamente, polo que “envían comunicacións ou mensaxes con tácticas de persuasión que inducen aos usuarios a proporcionar datos sensibles ou realizar unha determinada acción”, afirman dende o Observatorio, as máis das veces simulando ser provedores de comercio electrónico (nun 42,6% dos casos) e bancos (no 39,1%).
Como contrapartida a este relativo incremento do fraude en liña, o estudo conclúe que a contía defraudada é cada vez menor, e no 89,6% dos casos “a cantidade sitúase por debaixo dos 400 euros”, o que supón unha diferenza de 4,5 puntos porcentuais máis que a finais de 2010 (85,1%).
Para evitar que estas situacións enturben a nosa actividade na Rede, o INTECO recomenda “adoptar hábitos prudentes no emprego dos servizos de banca e comercio electrónicos” e non deixar de utilizar este tipo de servizos malia termos sido vítimas dun fraude en liña pois cun nivel de protección axeitado pódese loitar contra este tipo de estafas de xeito doado.

PUBLICIDADE