Microsoft e Novell afianzan a súa alianza arredor de Linux

martes, 14 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Semella que a alianza de Microsoft e Novell arredor do sistema operativo Linux, por tradición situado lixeiramente a contrapelo dos intereses da primeira empresa, vai definitivamente a máis. Así, puidemos saber que a multinacional de Redmond pagará a Novell arredor de 187 millóns de euros polos certificados de subscrición á súa versión do devandito programa libre. Deste xeito, Microsoft estará en disposición de empregar e redistribuír entre os usuarios dos seus produtos e ó longo do seguinte lustro os devanditos certificados de subscrición ó Linux SuSe de Novell, a xulgar polos termos establecidos no pacto que ámbalas dúas empresas veñen de asinar recentemente.
Ademais, a firma de Bill Gates achegaralles ós seus clientes a opción de canxear os devanditos certificados por unha subscrición única ou multianual para actualizacións e supervisión técnica de Novell. Mais non queda aí a cousa: ó longo de cinco anos, Microsoft desembolsará preto de 50 millóns de euros en actividades de mercado e venda cinguidas a espazos de virtualización de Linux e Windows, e 26,5 millóns de euros a labores comerciais de posta en mercado dunha oferta combinada.

PUBLICIDADE