MiniNo PicarOS 2013 Diego xa conta con fase beta

mércores, 3 de xullo do 2013 Redacción

O Grupo de amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) vén de publicar a versión beta da distribución MiniNo PicarOS 2013, denominada MiniNo PicarOS 2013 Diego e adicada aos máis pequenos. Cómpre dicir que este proxecto está inserido dentro das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). E en que consiste MiniNO? Pois estamos a falar dun proxecto nado en abril de 2008 da man de dúas ideas parellas de GalPon Mini e de MiniNo. Así, o proxecto GALPon Mini xorde da necesidade de dispor dunha distribución actualizada, en galego e castelán, para computadores reciclados da UVigo (Grupo de Reciclaxe informático da Universidade de Vigo GRUVI), estando a área de software do GRUVI coordinada por membros de GALPon.
En canto ao proxecto MiniNo, este comezou como un intento de construír unha distro actualizada para computadores ben feitos, é dicir, máquinas que aturan como ningunha o paso dos anos, o po, as temperaturas extremas, os golpes, as subas de tensión, etc.
E volvendo á distribución de MiniNo PicarOS 2013 Diego, subliñar que está baseada en Debian Wheezy/Sid con toda a contorna encamiñada a cativos dende 3 a 12 anos, con independencia de que coñezan ou descoñezan o sistema e as instalacións, a dita versión foi feita para tirarlle partido de todos os xeitos. Entre as principais características desta nova versión do MiniNo PicarOS 2013 faise especial fincapé en que esta distribución está configurada para traballar cun sinxelo clic, o panel de iniciadores é moi visual e intuitivo incluíndo programas que funcionan ao facer clic ou ao arrastrar e soltar ficheiros que hai que procesar; emprégase o xestor de ficheiros Cajado escritorio Mate; os navegadores predeterminados son Chrome e Firefox, pero inclúe tamén Midori con Tor (habilitado para unha navegación segura e anónima); asemade conta tamén cunha gran variedade de programas libres para a edición gráfica, multimedia, ofimática, xogos e múltiples programas educativos. A listaxe completa de ferramentas pódese consultar na web do proxecto.

PUBLICIDADE