MiniNo PicarOS 2013 xa ten versión RC

mércores, 11 de setembro do 2013 Redacción

O pasado mes de xuño presentaba GALpon a versión beta de PicarOS Diego, unha distribución GNU/Linux dirixida aos máis pequenos da casa, cativos de entre 3 e 12 anos, coa finalidade de facerlles máis doado o uso do computador, tanto no seu lecer coma nas tarefas relacionadas coa súa aprendizaxe na aula ou na súa vida cotiá. Volvendo ao presente, este sábado (7 de setembro) dende o portal de Mancomún daban conta de que a distribución GNU/Linux para nenos MiniNo PicarOS 2013 enfiaba xa a súa recta final coa publicación da súa versión PicarOS Diego RC.
Dende o equipo de desenvolvemento anunciaron, que o dito sábado (ás 13:44:53) pechaban todas as incidencias abertas durante as probas tras engadir as suxestións feitas, polo que procederon á construción da imaxe ISO da versión candidata á versión final. Cómpre dicir que esta distribución -amais de emprestar especial atención ao deseño, facilidade de uso e intuitividade- conta con gran variedade de programas libres para a edición gráfica, multimedia, ofimática, xogos e programas educativos. A listaxe completa de ferramentas pódese consultar na web do proxecto.
Como toda nova versión, esta tamén achega moitas novidades, entre outras: engádese un sistema de nube persoal con BitTorrent Sync para sincronizar cartafoles con calquera outro equipo ou teléfono intelixente. Esta nube non depende de ningún servidor externo, os ficheiros alóxanse nos equipos sincronizados, polo que só as persoas autorizadas acceden a eles co que nunca se perde o seu control. Para acceder dende PicarOS a este sistema faise dende o navegador na ruta localhost:8888. Amais creouse un mini aplicativo (con icona na área de notificación) para activar/desactivar, acceder á páxina de compartición/configuración (no navegador) e supervisar os últimos elementos engadidos á sincronización. Engádese gobohide (activado de xeito predeterminado na instalación, non así en vivo) para agochar todos os directorios e ficheiros sensibles da vista dos pequenos, para evitar calquera manipulación indebida...
Para descargar PicarOS 2013 Diego cómpre visitar a páxina de descargas. Trátase dunha ISO híbrida que pode gravarse nun DVD ou nun USB de polo menos 4XB. No wiki de GALPon pódense consultar as instrucións para transferila a un USB. Por último, engadir outro anuncio, o da inclusión dun novo apartado na web de PicarOS; o menú Vídeotitoriais, onde irán incluíndo tanto vídeos de axuda elaborados pola factoría GALPon MiniNo como calquera outros que poidan facer os usuarios.

PUBLICIDADE