Mobile World Congress busca firmas innovadoras para a súa edición 2017
martes, 30 de agosto do 2016
Xa podemos presentar a
nosa solicitude para participar na edición 2017 dun dos grandes
eventos estatais e mundiais de tecnoloxía, o Mobile
World Congress (MWC2017), que se vai celebrar en Barcelona o ano
vindeiro entre o 27 de febreiro e o 2 de marzo. Así
o fixo saber a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a
Sociedade da Información (SETSI), engadindo que o prazo para
presentarmos a nosa candidatura de participación ficará aberto até
o 14 de setembro. De estarmos interesados en amosar as nosas
tecnoloxías e servizos no Mobile World Congress teremos que facelo a
través da sede electrónica de Red.es.
Unha vez recollidas todas
as solicitudes, procederase coa selección das 82 empresas que
integrarán un espazo institucional con máis de 800 metros cadrados
no que se amosarán produtos, servizos e proxectos de alicerce
tecnolóxica orientados ao sector do móbil nalgunha das seguintes
categorías: Cidades Intelixentes, Ciberseguridade, Fintech,
Internet das Cousas/ Industria 4.0, Aplicacións móbiles,
Mercadotecnia dixital, Tecnoloxías da linguaxe, Aplicacións da
saúde e benestar social, Computación na Nube, Información Inxente
(Big Data) e Educación.
Durante o catro xornadas
que durará o MWC2017, as compañías estatais elixidas para o evento
(en palabras da organización “a cita máis importante para a
industria móbil”) participarán en actividades de promoción e
serán as protagonistas da zona orientada ao networking co
obxectivo de ampliar a súa rede de contactos, pechar acordos ou
realizar demostracións.