Modernización anuncia que seguirá a investir en TIC para “a mellora produtiva da nosa terra”

mércores, 28 de setembro do 2011 Redacción

Mar Pereira, presentando os obxectivos do seu departamento nun acto recente celebrado co Eixo Atlántico

Telefónica presentou esta mañá en Santiago o seu novo informe sobre a situación da nosa terra na Sociedade da Información. O acto perante os medios de comunicación e os profesionais TIC galegos serviu entre outras cousas para tomarlle o pulso á promoción dixital procedente das administracións públicas. Co fin de achegar unha visión completa, contouse coa presenza de Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, quen clausurou o acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos achegando autocrítica (a nosa terra, dixo, aínda non ocupa o nivel desexado en materia de afianzamento TIC con respecto ao resto das comunidades) e tamén optimismo. Neste senso, amosou o seu convencemento de que malia as restricións económicas, seguirase a investir en novas tecnoloxías, posto que redundarán, sinalou, “nunha mellora a nivel económico e produtivo para Galicia”.

Pereira na presentación desta mañá

Xa nun plano máis específico, lembrou que se está a traballar arreo para que a distancia con respecto á media europea e española en materia TIC se reduza ao máximo, e que arestora atópase en pleno desenvolvemento o Plan de Banda Larga da Xunta, unha iniciativa para garantir o acceso igualitario ás novas tecnoloxías, entre outras cousas. Este plan, dixo, está a cumprir este obxectivo e “dende a súa posta en marcha a mediados de 2010 reduciu nun 41% a porcentaxe de galegos sen acceso á Rede”.
Ao fío dos traballos presentes e futuros incluídos nesta iniciativa e entroncando co motivo da súa intervención de hoxe, a presentación dos datos de Telefónica, Pereira recordou que o Plan de Banda Larga inclúe unha estreita colaboración coa operadora española, aprobada en Consello da Xunta recentemente e destinada a equipar con cobertura a máis de 11.000 núcleos e a 250.000 galegos do rural. Trátase, incidiu, da “quinta das seis accións previstas no Plan e vai empregar pola tecnoloxía máis punteira neste momento, a tecnoloxía 3G na banda de 900 Mhz”. O obxectivo, recordou, non é só garantir un óptimo acceso á información, senón asegurar o bo desenvolvemento e emprego de servizos como a sinatura dixital no móbil, a teleasistencia social e sanitaria, o pagamento a través do teléfono ou servizos de seguridade.
No transcurso da súa intervención, Pereira tamén tivo tempo para afondar en iniciativas paralelas do seu Goberno para afianzar o uso das novas tecnoloxías a tódolos niveis, mesmo no educativo e dende as idades máis temperás. Aí insírese o proxecto Abalar, posto en marcha en colaboración coa Consellería de Educación e ao abeiro do cal prevese que este ano se chegue á dixitalización de 1.500 aulas, abranguendo 31.500 alumnas e alumnos e 340 centros educativos.

PUBLICIDADE