N-Nova traducirá ao galego a plataforma de axuda ás empresas RS Pimes

xoves, 15 de decembro do 2011 Raquel Noya

Co obxectivo de axudarlle ás organizacións a diagnosticar a súa situación en materia de Responsabilidade Social e poder así tomar as decisións máis axeitadas en cada momento, a Fundación Alares e Mekit presentaron a mediados de ano unha plataforma web creada para dar servizo á pequena e mediana empresa española, que agora terá a súa versión en galego grazas á aposta da consultora N-Nova pola lingua do país.
RS Pimes, que así se chama a ferramenta, está especializada en achegar solucións e asesoramento a empresas, tanto do sector público coma do terceiro sector, e agora será máis accesible pola implicación de N-Nova na diversidade de linguas cooficiais que conviven en España.
Xa que logo, a partir de agora, con esta plataforma web, calquera pequena ou mediana empresa do país poderá dispoñer de ferramentas e indicadores, en español e galego, a través das cales avaliar os diferentes ámbitos da RSC: o Medio, as Persoas e a Conta de Resultados da Organización; e isto totalmente de balde.
Ademais de permitir realizar distintos tipos de análises segmentadas, tales como por tamaño, sector... esta aplicación permítelles ás empresas usuarias autodiagnosticar a efectividade das accións en materia de RSC.
A Fundación Alares e Merkit, principais promotoras do proxecto, non deixaron de traballar nesta plataforma dende a súa presentación en abril deste ano, e veñen de anunciar que a teñen previsto “realizar a partir dos datos obtidos a través da web, un estudo que ofrecerá unha visión global da situación da Responsabilidade Social nas pequenas e medianas empresas españolas”.

PUBLICIDADE