NACCE amosa en Santiago os froitos da súa aposta polo tecido TIC galego-portugués
xoves, 14 de marzo do 2013
- Fachada da Escola Galega de Administración Pública en Santiago
O Proxecto
NACCE, a iniciativa transfronteiriza para xerar competitividade e
colaboración no tecido TIC das dúas beiras da raia
galego-portuguesa, celebra hoxe o seu punto e
final cunha xornada de traballo que servirá entre outras cousas para
amosar os resultados obtidos. A cita é na Escola Galega de
Administración Pública (EGAP), no barrio de Fontiñas en Santiago
de Compostela. Esta última xeira visíbel de traballo (que non
significará realmente o remate de NACCE, xa que as liñas de
traballo seguirán vivas e tampouco se poden descartar novas edicións
do programa), contará coa presenza dos mentores-expertos adheridos
ao proxecto acompañados dos profesionais e emprendedores aos que
achegaron a súa experiencia, dando conta todos eles dos froitos
recollidos.
As actividades darán
comezo ás 9.15 horas, co rexistro de asistentes. Logo, ás 9.45
horas, virá a apertura institucional, a cargo do director xeral de
Traballo, Odilo Martiñá, a secretaria xeral de AGESTIC, Sonia
Rábade, o xerente da Cámara de Comercio de Vigo, José Manuel
García Orois, e o director executivo do Centro de Computaçâo
Gráfica, Eduardo Pinto. Tamén haberá representantes da
Universidade de Vigo (o subdirector da Escola Superior de Enxeñaría
Informática, Francisco Javier Rodríguez Martínez) e AIMinho (Ana
Campos). A continuación, ás 10.30 horas, virá a mesa primeira de
emprendedores de NACCE, na que interveñen algúns dos profesionais
que recibiron achegas tecnolóxicas e formativas da man do proxecto.
Máis polo miúdo, Rebeca Babarro (Vouaxenda), David Sequeiros
(Wiimbo) e Luis García Landín e Patricia García (104 Cubes). Ás
11.50 celébrase unha nova mesa, desta volta dando acubillo aos
expertos en emprendemento e busca de novos mercados. Son Alfonso
Pérez Pereira, de Espafil e máis Andrés Mazaira, de Bridge
Mediatech. A clausura está prevista para as 13.15 (con Beatriz Mato,
conselleira de Traballo) e a mesa número tres para as 13.45, coa
intervención de emprendedores como Wilfredo Santana, de Anubia.
O
Proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa
de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e
participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia,
AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de
Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o
CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Diríxese a
estimular o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal, favorecendo
a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.
NACCE é un
programa de mentorización sobre mellora da competitividade,
internacionalización ou apertura de novas liñas de negocio en
empresas TIC, e tamén sobre como crear unha empresa TIC, como levar
unha idea de negocio tecnolóxica ou de internet á realidade. Todo
iso de forma on-line e gratis, e apoiado por profesionais de
prestixio que conforman o Núcleo de Apoio á Competitividade e
Creación de Empresas, “polo que é unha oportunidade única
para formarse, asesorarse, facer contactos de primeiro nivel ou
montar unha empresa da man da experiencia do día a día”,
sinalan os impulsores da iniciativa.