NetLab achega o 16 de abril un punto de encontro para os nosos profesionais da mercadotecnia dixital

mércores, 23 de marzo do 2016 Redacción

O vindeiro sábado 16 de abril A Ferretería de Lugo (Rúa San Froilán 11) vai acoller unha xuntanza dirixida a xuntar profesionais locais da mercadotecnia dixital para compartir, intercambiar e amosar coñecemento sobre as mellores metodoloxías actuais de “facer produto” nas redes. O encontro NetLab, segundo detalla organización, é unha sesión práctica para os nosos representantes dos ámbitos da mercadotecnia en liña, a comunicación colaborativa e as redes sociais. A xuntanza, un escaparate á innovación local en materia de promoción e vendas, comezará ás 9.30 e desenvolverase até a hora do xantar.
Artellarase en breves relatorios de casos prácticos e experiencias profesionais que culminarán, segundo nos contan os organizadores, con análises específicas a cargo dos participantes de varios proxectos, seleccionados polos impulsores do evento NetLab entre os enviados polos asistentes.
NetLab vén da man (conxuntamente) de estati.co, Carmen Porteiro e APM Social. O obxectivo é fomentar o ecosistema da comunicación dixital en Galicia. Con este fin, o programa apoiará proxectos con actividades de asesoramento, tutela e traballo en rede (networking). Para máis información sobre as inscricións e a preparación do programa de actividades, cómpre consultar os espazos específicos habilitados en Facebook e Twitter.

PUBLICIDADE