Netflix permite descargar os seus contidos baixo Windows 10

luns, 3 de abril do 2017 Marcus Fernández

O pasado mes de novembro Netflix estreou unha funcionalidade demandada dende os seus inicios: a posibilidade de permitir a descarga dos seus contidos para poder velos sen conexión. Deste xeito, os clientes de Netflix que fosen a estar sen acceso á Rede durante unha viaxe ou non quixesen consumir a súa tarifa de datos móbiles para gozar de películas e series de televisión, tiñan agora un novo xeito de gozar do servizo de streaming, aínda que por mor da negociación dos dereitos de explotación dos distintos contidos esta posibilidade non está aberta a todo o catálogo, senón só a unha selección bastante completa.
Pero a descarga de películas e series de Netflix limitábase tamén ás aplicacións do servizo para iOS e para Android, ou sexa, que só permitía o seu aproveitamento en smartphones e tabletas, o que mudou hoxe, cando incorporou a funcionalidade pasaba a incorporarse á última versión da aplicación para Windows 10 de Netflix, ou sexa, que agora ordenadores de escritorio e, especialmente, portátiles, poden descargar series e películas para a súa reprodución cando a Internet non estea dispoñible ou a calidade da conexión non permita unha reprodución estable a través do streaming.
O material descargable está na categoría Dispoñible para descargar, podendo localizarse tamén en buscas normais, sendo identificables os contidos descargables pola icona que inicia a descarga dos contidos que se almacenarán no noso equipo para a súa reprodución fóra de liña sempre que esteamos ao día na subscrición de Netflix (xa que as descargas inclúen protección DRM para impedir que usuarios que non paguen a súa subscrición mensual poda reproducir contidos ilegalmente).
Cómpre advertir tamén que na configuración da aplicación de Netflix podemos elixir a calidade de vídeo que queremos descargar (permitindo así optar por unha calidade menor para así ter máis capacidade para contidos no disco) e tamén facilítase a eliminación de todos os contidos descargados de vez.

PUBLICIDADE