Nokia Sony e Oracle súmanse ás baixas do Mobile World Congress

mércores, 10 de marzo do 2021 Marcus Fernández

O Mobile World Congress de Barcelona volve tender dun fío, e tras anunciarse o pasado luns o seu plan de seguridade para celebrar un evento presencial a partir do 28 de xuño, fíxose pública a negativa de Ericsson a acudir á cita por motivos de seguridade, dando a impresión de que ía repetirse o mesmo escenario do ano pasado, e todo indica que será así, pois Nokia, Oracle e Sony tamén manifestaron que non acudirán ao MWC nesta edición, ou sexa, que a listaxe de cancelacións promete medrar día a día até forzar á GSMA a repetir os pasos do ano pasado e deixar a feira tecnolóxica para tempos mellores, xa que xuntar a 50.000 persoas nun recinto feiral é unha ousadía nestes tempos, e as medidas de seguridade e hixiene non semellan ser dabondo para mitigar o risco ao que terían que someterse os asistentes que veñen de practicamente todos os recantos do mundo.
Algúns fabricantes aseguran que están a analizar a situación sanitaria para decidir se acudirán ou non ao evento, o que semella simplemente unha estratexia para evitar penalizacións económicas, ou simplemente para beneficiarse de indemnizacións no caso de que a cancelación sexa anunciada pola organización.
Cómpre salientar que os fabricantes de tecnoloxía móbil non contemplan o MWC na súa axenda de cara á planificación de novidades e lanzamentos, polo que o encontro quedaría simplemente como un evento para realizar networking en persoa, que é xusto o máis arriscado en plena pandemia.

PUBLICIDADE