Novas Tecnoloxías de Lugo mellora con novos cursos as competencias dixitais da veciñanza

xoves, 5 de marzo do 2020 Redacción

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo vai ofrecer á veciñanza, nas vindeiras semanas, novas actividades formativas para mellorar as súas competencias e habilidades dixitais. Os cursos, que son dous, comezan este 9 de marzo. En primeiro lugar, en horario de 17:00 a 19:00 horas, celebrarase un obradoiro destinado a usuarios de todas as idades que queiran sacarlle maior partido ao seu teléfono móbil. Haberá 15 prazas e, para participar, o Concello lembra que resulta imprescindíbel contar cun exemplar de smartphone.
Igualmente, dende o luns 9 e até o venres 27, desenvolverase un obradoiro de iniciación á informática para persoas maiores de 55 anos. A formación celebrarase durante a mañá, de 10:30 a 12:30 horas, para o que tamén se habilitaron outras 15 prazas.
As e os interesados poderán inscribirse, antes do sábado 7 de marzo, no Centro de Novas Tecnoloxías de maneira presencial, a través do teléfono 982.29.73.77 ou por correo electrónico novastecnoloxias@lugo.gal
Do mesmo xeito, o Concello lucense recorda que continúan as titorías tecnolóxicas os sábados 14 e 28, de 17:30 a 19:00 horas, dirixidas á veciñanza que precisa aclarar algunha dúbida sobre diferentes cuestións relacionadas coas novas tecnoloxías. Poden apuntarse nas mesmas ate o día anterior á súa celebración.

PUBLICIDADE