Novas versións do arquetipo da AMTEGA para desenvolver aplicacións web

venres, 5 de abril do 2019 Redacción

Equipo responsable da liberación do arquetipo

A AMTEGA publica como software libre novas versións do seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de aplicacións web. O código fonte liberado baixo unha licenza de software libre pode atoparse xa no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia.
Esta liberación ofrece unha versión do arquetipo para o desenvolvemento de aplicacións web, que inclúe diversas melloras. Ademais, tras o interese espertado, publícanse tamén dúas novas versións do arquetipo especificamente adaptadas a dous dos servidores de aplicacións web máis empregados na actualidade, Apache Tomcat e WebLogic.
A nova versión xeral liberada, a 1.5.0, inclúe tamén a actualización de diversos compoñentes transversais que xa foran liberados xunto coa primeira versión do arquetipo e que agora se actualizan tamén con novas melloras. Estes compoñentes que se empregan normalmente co arquetipo poden ser empregado tamén de xeito individual e reutilizados en moitos casos de uso.
Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da AMTEGA, quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. O Arquetipo publícase cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).

PUBLICIDADE