Novidades no portal do centro Mancomún

mércores, 2 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A web de Mancomún, centro galego de promoción do software libre, comezou a semana con novidades. Así nolo contan precisamente dende a páxina mellorada, onde se inclúe a posibilidade dármonos de alta para obter acceso directo aos servizos integrados, entre os que se contan (polo de agora) o espazo wiki de Mancomún, o laboratorio e a sección propia do usuario (o meu portal). Sobre este último punto, dicir que consiste nunha portada configurable no portal mancomun.org na que entre outras cousas poderemos escoller as categorías de novas que máis nos interesen.
No que atinxe ao laboratorio, sinalar que é unha das principais novidades da web, sendo seu cometido ofrecerlle á comunidade internauta a opción de facer probas de uso nun contorno real dunha plataforma de xestión de proxectos. Esta plataforma está baseada en Redmine, que á súa vez constitúe un boa ferramenta de axuda no desenvolvemento ou mellora de programas abertos. “O nome de laboratorio”, di Mancomún, “obedece á que se trata dun contorno de probas, non dun servizo estable en produción”. E segue: “O primeiro obxectivo que queremos acadar co servizo é facilitarlles ás empresas ou persoas interesadas en analizar a funcionalidade e viabilidade de usar este sistema nos seus procesos, que poida facelo de xeito rápido e doado”. Amais disto, a través da dita Redmine posibilítase (por parte dos usuarios) a achega de informes de erros, suxestións ou comentarios sobre a utilidade do servizo. Isto non implica que A Forxa deixe de ser a canle estable para a produción e a xestión de proxectos.
Polo que atinxe ao wiki, dicir que non é unha achega nova, pero presenta a partir de agora unha serie de melloras. Por exemplo: agora o acceso está integrado no servizo de autenticación central.

PUBLICIDADE