Novos cursos gratuítos sobre a multimedia e o audiovisual nas aulas CeMIT

luns, 23 de abril do 2012 Redacción

As aulas CeMIT de 55 localidades galegas acollerán de maio a decembro 8 cursos de balde relacionados co sector multimedia e audiovisual. Estas actividades forman parte do Programa de Formación 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia. A iniciativa conta con máis de seiscentas horas de formación e está previsto que chegue a máis de sete mil usuarios.
Nesta nova edición, o Programa de Formación conta con 6 microcursos de 15 horas de duración (sobre posicionamento web, televisión en internet, deseño gráfico, retoque fotográfico, community manager e streaming de audio e vídeo) e dous 2 máis amplos de máis de 40 horas sobre produción audiovisual e creación multimedia.
Os interesados nestas actividades poden informarse das datas de comezo de cada unha delas e reservar praza na aula CeMIT da súa localidade a través do 981 552 568 ou a da páxina web das aulas CeMIT. O 29 de abril é a data límite para inscribirse nalgún dos catro primeiros cursos mentres que o 24 de maio remata o prazo de inscrición para os restantes.
Para o desenvolvemento das actividades da área Multimedia e Audiovisual do Programa de Formación 2012 da Rede CeMIT empregarase o sistema de videocolaboración nalgunhas das aulas CeMIT e o de videoconferencia noutras aulas que dispoñen de equipamento que permitirá desenvolver as actividades en formato presencial e telepresencial.

PUBLICIDADE