O 29 temos unha cita coa creación de tecnoloxías innovadoras nun novo Amigus Lab

venres, 21 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

O vindeiro sábado 29 de xullo, de 10:00 da mañá a 20:00 da noite, no Lar Endesa de As Pontes, a Asociación Informática Amigus desenvolverá unha nova edición dos Amigus Labs, un obradoiro de traballo compartido e experimentación arredor das tecnoloxías de meirande proxección social e con maior potencial colaborador. Desta volta, a cita terá feitura de obradoiro de arte e creación dixital. Terá cabida xente de todas as idades, aínda que a organización apunta a que o ideal é que participen persoas de máis de dez anos. Será, en palabras de Amigus, “un obradoiro para iniciarnos no apaixonante mundo da arte e creación dixital”, abranguendo cuestións como o traballo con impresoras 3D, as fresadoras CNC, a dixitalización en tres dimensións de obxectos e persoas, a realidade virtual, a robótica e a electrónica con Arduino e Raspberry Pi, o audio dixital, os drones e os videoxogos.
Polo que respecta ao obradoiro de impresión 3D, xirará arredor dunha impresora Reprap Prusa i3, de base para crear novos instrumentos con vistas equipar os obradoiros Amigus Labs. “Tamén veremos como mellorar as nosas impresoras, ampliar a base de impresión, a cama quente, o uso de dobre extrusor, e os novos materiais”, engaden dende a asociación.
No que se refire aos drones e a realidade virtual, realizarase un obradoiro de montaxe e dominio destes vehículos aéreos non tripulados usando simuladores de realidade virtual para practicar voos. Asemade, afondarase nas ferramentas para xerar contidos de realidade virtual, así como o hardware necesario para tal fin.
A maiores, no obradoiro está previsto fabricar circuítos electrónicos para os diferentes proxectos botando man dunha fresadora CNC. Por outra banda, os mais pequenos terán a oportunidade de fabricar varios trebellos scornabots, imprimindo as pezas en 3D, aprendendo a usar os motores que se poñen e xogo e introducíndose na placa Arduino Nano e nos compoñentes electrónicos. Ademais, aprenderán a facer pequenas soldaduras en estaño, e “darlle vida ao robot programándoo”.
No recanto de audio, traballarase con equipos de secuenciado e dixitalización de son, usando Ableton Live e Push 2, así como a creación de novas ferramentas interactivas audiovisuais con Max/MSP. Na área de xogos, haberá equipos con Rapsberry Pi para “gozar xogando e creando”; con xogos arcade, Scratch e MineCraft.

PUBLICIDADE