O 3 de marzo celébrase nas Pontes unha nova sesión dos Amigus Labs

martes, 20 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro 3 de marzo, no Lar de Endesa en As Pontes, terá lugar unha nova xornada de traballo dos Amigus Labs, os espazos cooperativos de arte, creación dixital e formación organizados pola asociación Amigus. A nova xornada, o encontro Maker 18.2, os participantes entrarán en contacto cos prototipos cos que se veñen traballando nos obradoiros previos, prototipos con base en Arduino e Raspberry PI. A xeito de exemplo, avanzarase no camiño iniciado no laboratorio de febreiro cun robot velocista, levando a cabo a montaxe de máquinas “corredoras” de competición, pequenos vehículos intelixentes de carreiras, controlados por un microcontrolador ATmega328 con micromotores, Bluetooth e equipado con sensores, cámaras e demais elementos de recoñecemento.
Outro equipo de traballo porá a punto a fresadora CNC, cos últimos retoques na estrutura para poñela a pleno rendemento.
Ao abeiro do recanto Amigus Labs Kids comezarase un novo proxecto que será madurado ao longo dos vindeiras catro sesións; a creación de reloxos dixitais. Nesta primeira sesión analizarase o produto, aprenderase a modelar en 3D e a imprimir as pezas resultantes nas impresoras 3D.
Segundo informa Amigus, é recomendábel carrexar á sesión un portátil ou PC para traballar cada un no seu propio equipo. A idade mínima para participar tanto no obradoiro como na Amigus Labs é de 8 anos en adiante, a inscrición é de balde.
Tódalas actividades realizaranse en horario de 11:00 a 20:00 horas, facendo unha parada para xantar, de 14:00 a 16:00, no propio Lar, cun prezo de 15€/persoa (opcional).
Para asistir ao laboratorio tamén podemos acudir equipados co noso computador e todo o necesario para poder conectalo a un só enchufe. Podemos inscribirnos no obradoiro (antes do 1 de marzo) a través do seguinte correo: amigus@amiguslabs.org. Organizan:
Asociación Informática Amigus, Amigus Labs e Merca Nas Pontes

PUBLICIDADE