O BNG comprométese a apoiar o software libre no Parlamento Europeo
martes, 2 de xuño do 2009
Ana
Miranda, a cabeza de lista do BNG ás eleccións ao Parlamento Europeo, vén de
asinar, en calidade de candidata do partido nacionalista, a Free Software Act, unha iniciativa en
favor do uso do software libre iniciada dende o Parlamento Europeo, que apoia
firmemente en nome do seu partido.
Miranda,
que entende que “o traballo das xentes do
software libre desempeña un papel fundamental na preservación de liberdades
esenciais da era dixital”, asegura que “o
software libre é un ben común, que debe ser protexido e fomentado, posto que”,
engadiu, “contribúe ao desenvolemento de
pequenas e medianas empresas tecnolóxicas, tanto galegas como estatais, fronte
ás grandes multinacionais de Estados Unidos que acaparan o mercado das licenzas
protexidas”.
A
candidata do BNG, quen aposta polas aplicacións abertas como fonte importante
de aforro para as administracións públicas, vén de comprometerse a “apoiar as políticas activas a favor do
software libre” así como a “oporse a
toda discriminación na súa contra”.
Asemade,
Ana Miranda asegurou ter o compromiso firme de defender os dereitos tanto dos
autores como dos usuarios de software libre e de oporse a calquera tipo de
lexislación “que debilite estes dereitos”.
A voz do
partido nacionalista galego en Europa asegura que Mancomun, o Centro de
Referencia do Software Libre que creou o BNG dende a Xunta de Galiza, “debe ser un exemplo a seguir para a
promoción do software libre no noso país”, tal e como o recoñeceron no seu
día dende a propia Unión Europea.